O Vigo-Rías Baixas quere completar o seu soño dando a sorpresa como anfitrión

A Copa de España regresa este domingo a Galicia tras once anos de ausencia da man do Vigo-Rías Baixas. A entidade presidida por José Luis Chamorro fará realidade un dos seus soños ao exercer de anfitrioa na súa cidade ante os mellores equipos do pelotón estatal Elite-Sub23. A unha xornada inesquecible para o ciclismo olívico, pontevedrés e autonómico, o conxunto flúor buscará poñerlle a guinda dando a sorpresa na liña de meta da Avenida de Beiramar.

Para un percorrido que considera como o de “unha clásica do norte de Europa”, Marcos Serrano confeccionou un “sete” formado por Miguel Ángel Fernández, Ander del Castaño, Asier González, Jon Tena, Álvaro Carasa, Ángel Maneiro e Nicolae Bumbu. “Teño moi boas individualidades e creo que as características desta carreira son as adecuadas para que signifique un punto de inflexión como equipo”, apunta o director deportivo do Vigo-Rías Baixas.

Os outros dezanove conxuntos oficiais da Copa de España tamén estarán na liña de saída do Auditorio Mar de Vigo e o pelotón de 196 corredores completarano oito escuadras convidadas pola organización: Lasal Cocinas-Louriña, Retelec-Alca, Oiense Turonia, C.C. Vigués, C.C. Farto, Brócoli Mecánico-Sakata, Diputación de León-ULB e La Magia-Auto4. Todos os ciclistas someteranse na tarde deste sábado a un test de antíxenos para constituír unha burbulla de seguridade anti-COVID.

O certame estatal atravesa en Vigo o ecuador do seu calendario coa disputa da súa sexta xornada. Tras as tres carreiras celebradas en Euskadi, unha na provincia de Xaén e outra na de Valladolid, Pau Miquel (Lizarte) lidera a xeral por diante doutros dous corredores sub23, Marc Brustenga (Caja Rural-Seguros RGA) e Sergio Trueba (Gomur-Cantabria Infinita).

A proba máis longa

O trazado deseñado polo Vigo-Rías Baixas caracterízase pola súa lonxitude e a súa esixencia. A primeira edición da Vigo Copa de España presenta 176 quilómetros de percorrido, unha cifra que non alcanza ningunha outra proba do circuíto estatal, e un perfil “rompepernas” con tres portos puntuables.

Os participantes empezarán a pedalear ás 10:00 horas na Avenida de Beiramar e a saída lanzada darase na Avenida Ángel de Lema y Marina. Desde o paso por Redondela a tendencia será ascendente, atravesando Mos e o campus da Universidade de Vigo, ata o primeiro punto quente, a meta Volante do Polígono da Pasaxe (km 36).

O primeiro terzo da xornada completarase circulando polo Porriño e Tui, para arrancar a subida ao Alto de Chenlo (km 75), un porto con algunha rampla do 14%, primeira dificultade montañosa puntuable para o Premio de Montaña Toyota Nipocar.

A continuación, o Sprint Especial Concello de Gondomar marcará o inicio do circuíto ao que se darán dúas voltas na segunda parte da carreira. En cada un dos xiros, ademais de disputarse o Sprint Especial Concello de Nigrán (km 100 e 129), subirase ao Monte Alba (km 111 e 141). Para alcanzar a súa cima os corredores terán que ascender durante 10 quilómetros e superar desniveis como o 17% que se atoparán no tramo final.

A segunda vez que coroen o Monte Alba faltarán 35 km para a liña de meta. O descenso camiño de Gondomar esconde curvas perigosas e unha vez que se chegue á Ramallosa, a carreira transitará pegada á costa para regresar a Vigo e concluír enfronte do Auditorio Mar de Vigo. No horario intermedio a chegada está fixada para as 14:50 horas.

Ao día seguinte, este mesmo percorrido será o escenario do Campionato de Galicia de Fondo en Estrada. Desde a organización da Vigo Copa de España anímase a seguir estas dúas probas a través da retransmisión en streaming.