Ribera Povisa estrea unha nova Unidade de Diálise

O hospital Ribeira Povisa reformou por completo as instalacións do servizo de Nefroloxía onde se realiza hemodiálise, cun investimento próximo aos 200.000 euros.

A nova Unidade de Diálise conta cun equipamento de última xeración que substitúe á anterior instalación e, ao mesmo tempo, unha nova planta de tratamento da auga. “A calidade da auga que utilizamos en hemodiálise repercute moi positivamente na saúde do paciente”, subliñou Beatriz Pazos, xefa do servizo de Nefroloxía.

A Unidade consta de 23 postos de hemodiálise e todo o equipamento da planta de tratamento está duplicado e conectado en tempo real ao control do hospital para garantir a seguridade da instalación. Ademais, a nova Unidade tamén é máis sostible, ao reducir o consumo enerxético e de auga, e conleva unha substancial mellora na confortabilidade do paciente a través da renovación do mobiliario e a iluminación.

As obras acometéronse en varias fases e prolongáronse ao longo de varias semanas xa que a maior parte dos traballos acometéronse pola noite para non afectar o desenvolvemento da actividade asistencial dunha zona vital para os pacientes, que acoden a realizar os seus tratamentos de luns a sábado en horario de 8:00 a 22:00 horas.