Baiona terá que pagar o canon de ocupación a Costas “pola nefasta xestión do tripartito”

Os concesionarios dos chiringuitos das praias de Baiona non poden pagar o canon anual a Costas do Estado correspondente a este verán porque o goberno local non realizou a xestión administrativa obrigatoria en tempo e forma para permitir que estas persoas agora poidan abonar a súa taxa. Así o afirman desde o Partido Popular, que critica que “a consecuencia da nefasta xestión do tripartito obriga a ter que responder con diñeiro das arcas municipais á contía total da taxa de 1.472 euros”. “Ademais, desta contía que corresponde á administración estatal, esta inacción do tripartito ten unha dobre consecuencia: o Concello tampouco pode recibir a parte desta taxa que lle corresponde”.

Os populares destacan que é a primeira vez que o Concello de Baiona vese obrigado a ter que destinar fondos propios provenientes do diñeiro de todos os veciños para pagarlle a Costas pola ocupación dos seus espazos, cando esta partida, aínda que sexa pequena, podía destinarse a outros asuntos de maior interese para os baioneses nun momento en que as familias tanto o necesitan.

Os populares lamentan que os veciños teñan que pagar continuamente “os erros dun goberno tripartito desorientado que, ao longo dos dous anos que leva á fronte do Concello, demostrou a súa total falta de interese por axudar aos baioneses”. “Non descontou o 25% da taxa do lixo ao comercio e á hostalería correspondentes ao confinamento, non devolveu o diñeiro aos hostaleiros que xa pagaran pola súa terraza por adiantado en 2020 e tampouco se preocupou por poñer en marcha un plan de reactivación económica adaptado ás circunstancias e, con todo, paga por algo ao que non está obrigado se fixese os seus deberes adecuadamente”, conclúen.