Profesionais e pacientes xuntos na hixiene de mans

A hixiene de mans continúa representando unha ferramenta fundamental na loita contra a COVID-19, como o ven sendo desde que comezou a pandemia, hai máis dun ano. Hoxe, 5 de maio, celébrase a Xornada Mundial de Hixiene de Mans, liderada pola Organización Mundial da Saúde, á que se suma o Servizo Galego de Saúde e a Área Sanitaria de Vigo.

O lema elixido para este ano é “Segundos que salvan vidas; limpa as túas mans”, en referencia expresa á importancia deste tipo de accións cotiás na loita contra a pandemia. De tal feito que o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, enviou unha comunicación a todo o persoal na que, entre outras cuestións, recalca que “neste ano 2021 e desde o inicio da pandemia causada polo SARS-CoV-2, a hixiene de mans adquiriu unha maior visibilidade como medida preventiva esencial fronte a ese virus”.

A OMS, pola súa banda, lembra que a hixiene de mans protexe fronte a infeccións e prevén a diseminación de microorganismos multirresistentes asociados á asistencia sanitaria, destacando a importancia de que o persoal realice a hixiene de mans no mesmo punto de atención no que coinciden o profesional, o paciente e o tratamento a levar a cabo. Nese sentido, a campaña deste ano lembra que o uso de luvas por parte dos profesionais non é substitutivo do lavado de mans previo.

Actividades en oito servizos

Na Área Sanitaria de Vigo, precisamente pola pandemia, non se organizou un único acto como tal para celebrar esta xornada (do mesmo xeito que ocorreu o pasado ano). Sen embargo, coordinados pola subdirección de Enfermaría, oito servizos quixeron participar con distintas actividades para concienciar á poboación en xeral da necesidade de realizar unha correcta hixiene de mans.

En concreto, Medicina Preventiva elaborou o guión e participou nun vídeo xeral no que se explican os “cinco pasos” necesarios para realizar unha boa hixiene de mans. Tamén editaron vídeos o servizo de Radioloxía, os profesionais do centro de saúde de Val Miñor, os pacientes de Rehabilitación Psiquiátrica do hospital Nicolás Peña e o alumnado da Escola Universitaria de Enfermaría do Meixoeiro. Este último será difundido nos centros educativos para ensinar aos máis pequenos o correcto lavado de mans.

Pola súa banda, os nenos ingresados no Álvaro Cunqueiro realizaron un mural con distintas frases que representan ás mans como barreira fronte ao coronavirus; e profesionais de Saúde Mental deseñaron un xogo de “pasapalabra” con preguntas relacionadas con estes procesos.

Para completar a xornada, o Laboratorio de Microbioloxía elaborou un póster no que se describe da cantidade e tipo de microorganismos nas mans antes e despois do proceso de lavado.

Enlace cos diferentes vídeos: https://youtu.be/wcz70wi59H8