Nigrán inviste 43.000 € no asfaltado e ampliación de tres rúas de Camos

O Concello de Nigrán rematará esta semana o asfaltado e ampliación das rúas Aldeite, A Igrexa e Balinfra, todas no núcleo de Camos, cun investimento de 43.000 € a través dunha subvención de Agader (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural) xa que tamén facilita o acceso a fincas agrícolas. Previamente, o Concello dotou de abastecemento a toda esta zona (barrios de O Xuncido e Balinfra) e aos barrios de Rial e A Cruz (nestes foi reposto o tramo de firme afectado).

“Tratábase de camiños en moi mal estado e que a propia asociación de veciños nos pedira mellorar, polo que traballamos tamén para acadar as cesións que nos permitiron anchear as rúas dándolle un xiro espectacular”, explica o alcalde, Juan González, quen subliña que a seguridade viaria tamén se verá reforzada pola colocación de senllos lombos na rúa da Igrexa, onde os residentes se queixan da alta velocidade á que circulan moitos vehículos que atallan por aí para chegar a un centro escolar. A empresa Covsa está actualmente a asfaltar cunha mestura bituminosa de 5 cm de espesor tras traballar anteriormente os operarios municipais para repoñer muros froito das cesións ou facilitar os accesos ás vivendas.

As obras para continuar coa ampliación do abastecemento na parroquia continuarán nos vindeiros meses, xa que o goberno local aprobou no pleno do 5 de abril destinar 205.000 € do Remanente de Tesourería para achegar este servizo público á Tarela (Nigrán) e O Carballal (Camos), beneficiando a preto de 100 fogares. “Con estas obras e ás axudas ás comunidade de augas cubrimos practicamente todo Camos, que ata 2017 non tiña servizo público algún”, finaliza o alcalde, Juan González.