
A Comisión de Festas María Auxiliadora de Vilas, coa colaboración da Entidade Local Menor de Morgadáns, instalou un banco na zona coñecida como “Laxe de Millo”. O obxectivo é que veciños e visitantes achéguense ao lugar para contemplar as marabillosas vistas da comarca do Val Miñor, ademais de promocionar o merendeiro situado no atrio da Capela de María Auxiliadora, onde está situado o bar da comisión. “A xente que queira vir facer un churrasco está adaptado con cheminea e suficientes mesas, e proximamente contará con auga e un lavadoiro”, comenta Jose Luis Alonso, membro da comisión de festas.
Desde este novo banco situado a uns 400 metros de altitude, que se suma ao colocado en Prado, coñecido como “O Balcón do Val Miñor”, pódese admirar O Galiñeiro, A Groba, Monteferro ou Baiona e a súa baía. “O obxectivo final é atraer á xente a Vilas e potenciar todo este espazo natural que indiscutiblemente é precioso. É un punto máis onde a xente pode parar. A perspectiva é magnífica. Desde logo é o que temos que potenciar, o turismo familiar, e Gondomar é máis que nunca o balcón do val. Seguiremos nesa liña, ata chegar ao monte Galiñeiro, cunha actuación moi potente que posiblemente anunciaremos a curto prazo”, sinalou o alcalde, Paco Ferreira.