A Deputación adxudica o proxecto de mellora da seguridade viaria na EP-2204 Sabarís-Belesar

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA // EP-2204 Sabarís-Belesar (Baiona).

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra adxudicou na súa última sesión as obras de reposición do firme da EP-2204 Sabarís-Belesar, no concello de Baiona, por máis de 476.000 euros. Con esta actuación, o ente provincial volve a poñer de manifesto o seu compromiso cunha mobilidade amable, segura e sostible que garante a accesibilidade e a seguridade viaria no conxunto de estradas provinciais.

As obras levaranse a cabo durante aproximadamente catro meses. Neste tempo as e os operarios realizarán traballos ao longo de 6,3 quilómetros da estrada, situada nunha das zonas máis poboadas do concello de Baiona. As actuacións comprenden a reposición do firme na totalidade da estrada, a instalación de catro redutores de velocidade, a modificación da sinalización vertical existente e a renovación da sinalización horizontal.