Nigrán abre a programación do “Mes das Letras Galegas” co concerto da pianista Brenda Vidal

O Concello de Nigrán abrirá este sábado co concerto da pianista Brenda Vidal (Auditorio Municipal, 20:00 horas) a súa programación especial de Maio, o mes das Letras Galegas. A actividade sociocultural destas catro semanas será intensa e variada adaptándose á realidade sanitaria de cada momento, continuando o sábado 8 cun concerto de voz e piano en homenaxe ás vítimas de Covid-19 a cargo da mezzosoprano Nuria Lorenzo e o pianista Alejo Amoedo. Unha selección de curtas do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (13), a presentación do derradeiro libro de Carlos Méixome “Cartas na Memoria. A persecución franquista no Val de Miñor” (14), cine na rúa en Chandebrito con “A Esmorga” (22) ou o concerto de “Cromosóns” (29) completan esta programación na que se renderá homenaxe a Xela Arias o día 15 cunha charla-coloquio e o concerto especial de “Xardín desordenado”. A tradicional “Festa da Bicicleta” do día 17 de Maio tamén se celebrará cunha marcha polo litoral do municipio (Panxón-Lourido, ida e volta).

“É unha programación moi diversa, adaptada a todos os gustos e na que, como é tradicional, dedicamos unha xornada á persoa homenaxeada pola Real Academia Galega cada ano, neste caso Xela Arias. Ademais, mantemos a celebración da tradicional Festa da Bicicleta cunha pequena marcha polo litoral entre os veciños que desexen participar, sendo ao aire libre e mantendo as normas consideramos que é unha actividade segura e saudable”, indicou o alcalde, Juan González.

Concerto de Brenda Vidal

A pianista Brenda Vidal, directora do Conservatorio de Música de Gondomar, ofrecerá un concerto con pezas de Bach, Mozard, Chopin, Prokofiev e Eduardo Soutullo. Cun currículo extensísimo, Vidal participa a cotiá en numerosas agrupacións orquestrais e camerísticas, como a Orquestra Sinfónica Vigo 430, Orquestra Sinfónica do Algarve, Orquestra Filarmónica Ciudad de Pontevedra, Orquestra Clásica de Vigo, Banda Municipal de Pontevedra, etc. É membro fundador da formación lusa Quarteto Contratempus, dedicado á opera de cámara contemporánea, e ten actuado en grandes salas e auditorios de toda Europa. O programa do concerto en Nigrán e o seu C.V. está a disposición dos interesados na páxina web do Concello (Portada –“Próximos Eventos”).