
Tras conseguir o pasado domingo o seu mellor resultado desta tempada na Copa de España, o Vigo-Rías Baixas afronta este sábado unha nova cita do certame estatal. O conxunto flúor disputa este fin de semana a Santikutz Klasika na localidade guipuscoana de Legazpi e na aliñación confeccionada por Marcos Serrano destaca a presenza de Diego Méntrida. O triatleta madrileño, coñecido a nivel mundial por un xesto deportivo que se fixo viral, debuta como ciclista na estrutura presidida por José Luis Chamorro.
A estrea de Méntrida no pelotón Elite-Sub23 chega dous meses despois de que a súa fichaxe polo Vigo-Rías Baixas tivese un gran eco mediático. A popularidade do corredor madrileño disparouse o pasado verán como consecuencia da súa exemplar actitude deportiva nun tríatlon celebrado en Santander, deténdose antes da liña de meta para deixar pasar ao británico James Teagle, cuxa confusión na última curva da carreira ía facer perder a medalla de bronce.
Na súa primeira carreira como ciclista, Méntrida compartirá equipo co ex profesional Miguel Ángel Fernández, noveno clasificado o pasado domingo na Clásica de Valladolid. O cántabro obtivo na proba valisoletana o primeiro top-10 do Vigo-Rías Baixas nesta edición da Copa de España e aspira a brillar nas estradas vascas tal e como fixo na Aiztondo Klasikoa a mediados de marzo. Ander del Casteño, Asier González, Álvaro Carasa, Jon Tena e Nicolae Bumbu son os outros cinco elixidos por Serrano para medirse aos mellores equipos do panorama estatal nun percorrido “rompepernas” de 145 quilómetros.
Ás 09:30 horas arrancará en Legazpi a 87ª edición desta clásica repleta de dificultades montañosas e cotas. A primeira ascensión atópase no km 25 coa subida a Azkarate, e a continuación os ciclistas penetraranse nun circuíto que comprende os portos de Aztiria, Liernia e Eitzaga ao que darán dúas voltas. Xa no tramo final, esperan os pasos por Aztiria e Liernia, encarando o Alto de Gabiria a un 15 km para a meta e ascendendo de novo Aztiria pola súa outra vertente a só 5 km da conclusión.