Nigrán rememora a figura de Álvaro Cunqueiro no 40 aniversario do seu pasamento

O Concello de Nigrán celebrou esta mañá o Día do Libro no Auditorio Municipal cunha xornada matinal dedicada á figura de Álvaro Cunqueiro ao coincidir este 2021 co seu 40 cabodano. A ela acudiu alumnado do IES Val Miñor e do CEIP Humberto Juanes e aqueles veciños que desexaron participar. Ademais de analizar a figura de Cunqueiro, o Concello instalou dous postos con gran variedade de libros para levar de balde. O obxectivo do goberno local é promover a lectura entre a veciñanza e, ao mesmo tempo, a propia lingua galega a través dun dos seus escritores máis ilustres.

A xornada comezou ás 11:30 cunha charla coloquio a cargo de Henrique Costas, catedrático en filoloxía galega da Universidade de Vigo, e Iago Castro, mestre no IES Val Miñor e especialista en Álvaro Cunqueiro, na que tamén participou o alcalde de Nigrán, Juan González, e a edil de Cultura, Nuria Lorenzo. A continuación tivo lugar unha lectura continuada do libro “Os outros feirantes” (libro de relatos publicado en 1971) a cargo dos asistentes. Finalmente, o grupo Koremi representou no CEIP Humberto Juanes un contacontos tamén baseado nas obras de Cunqueiro “Se o vello Sinbad volvese ás illas” e “Merlín e familia”.