Ginebras, novo nome confirmado para Vive Nigrán 2021

A banda feminina con máis proxección do momento compartirá escenario do Vive Nigrán 2021 con Natalia Lacunza o venres 16 de xullo. O festival regresa na súa 5ª edición ao recinto no que naceu en 2017 –o campo de fútbol de Monte Lourido– e adaptarase a un formato “especial” con aforos limitados.

Ginebras entraron arrasando na escena indie nacional, coa súa aditiva mestura de frescura e boas cancións. En pouco tempo convertéronse nunha das bandas que todo o mundo quere ver, aumentando o seu número de fans en cada un dos seus enérxicos directos. Compartirán data con Natalia Lacunza, o venres 16 de xullo, na cita máis indie desta edición. As entradas xa están dispoñibles a un prezo inicial de 25€ + gastos a través da web de Vive Nigrán e de Ataquilla.

Locoplaya e Verto actuarán o xoves 15 de xullo e Sidecars o sábado 17 de xullo. O ritmo de venda de entradas para ambos os dous concertos está a ser moi alto, o que demostra o enorme interese que espertaron ambos os dous concertos.

Vive Nigrán conta co apoio da Deputación de Pontevedra, Concello de Nigrán e Xunta de Galicia. Ademais, conta co patrocinio de Vibra Mahou, a plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas. O festival estará adaptado á situación actual e aplicaranse as recomendacións, instrucións e medidas protocolarias vixentes sobre materia sanitaria e nivel de aforo, para o correcto desenvolvemento dos concertos.

Ginebras

Ginebras son Magüi (guitarra rítmica e voz principal), Sandra (guitarra solista e segundas voces), Raquel (baixo) e Juls (batería), catro mozas con ganas de comerse o escenario que na súa curta traxectoria crearon un universo pop propio no que sempre destacan as súas letras autobiográficas contadas con moito humor, retrousos demoledores e ese encanto que desprenden.

A finais de 2019 editaron “Dame 10:36 minutos”, o seu primeiro EP. Catro temas cargados de enerxía que rapidamente lles situaron como unha das bandas imprescindibles da escena. “La Típica Canción”, “Todas Mis Ex Tienen Novio”, “Fan Emergente” e a súa personalísima versión do “Con Altura” son xa clásicos do pop patrio.

En setembro de 2020 lanzan o seu esperadísimo primeiro LP, “Ya Dormiré Cuando Me Muera”, cheo de hits instantáneos. Un disco cheo de diversión, de baile e de cor que vén para lanzar luz e bo rolo por milleiros. Destacado en prensa e medios especializados como un dos mellores discos do ano, nun momento atípico como leste tiveron tempo a recibir os seus primeiros recoñecementos como o premio +Músicas e a estar presentes nos principais festivais que se celebrarán neste país no verán.