40 barcos disputaranse este sábado unha nova edición do Trofeo Comunica, organizado polo Monte Real Club de Yates coa colaboración do Real Club Náutico de Vigo e o patrocinio da empresa de comunicación visual Comunica. Entre as tripulacións que aspiran a facerse cos loureiros da clase ORC veremos ao Yess Too do portugués Rui Ramada, ao Aceites Abril dos ourensáns Luis e Jorge Pérez Canal, á expectativa Marnatura patroneado por Luis Bugallo, ao Magical de Julio Rodríguez ou Al Balea Dous de Luis Pérez.
Este ano, como novidade, entra en xogo tamén un trofeo para a categoría ORC A2, de veleiros con patrón e un único tripulante, na que se inscribiron algunhas parellas náuticas como as que conforman Jacobo Vecino e Brenda Maure a bordo do Salaño Dous; ou Javier Rey e Jorge Justo, no Q Talento Consultores.
O Luxoconf de Jean Claude Sarrade, o SND Cormorán de Francisco Martínez, o Ifaclinic de Joao Allen, La Galera de Miguel Fernández e o Pazo de Cea de Iago Carballo son algúns dos J80 que se disputarán a vitoria desta clase de monotipos, que non será a única, xa que tamén haberá unha categoría para os Fígaro Beneteau. Nesta última navegarán as tripulacións lideradas por Teresa Valladares, a bordo do Ladeira; ou Javier Bernárdez no Bouvento.
A falta de que se peche o prazo de inscrición, que permanecerá aberto ata unha hora antes de iniciar a competición, xa son preto de 200 os regatistas que este sábado ás dúas da tarde partirán desde Vigo rumbo a Baiona a por a vitoria final. Terán por diante un percorrido dunhas 15 millas con varios pasos por balizas para o que a previsión meteorolóxica anuncia ventos do sur suroeste cuns 8 nós de media e picos de ata 18, que poderían ser mesmo de máis intensidade ante a probabilidade de que se rexistren chuvascos por momentos.
Unha vez finalizada a competición, o Monte Real Club de Yates acollerá a entrega de premios aos gañadores, na que participarán o presidente do club baionés, José Luis Álvarez; o director executivo de Comunica, Roberto Lira; o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; e o deputado de deportes da Deputación de Pontevedra, Gorka Gómez.

