Unha fin de semana para ir ao teatro en Nigrán

A próxima fin de semana en Nigrán é de teatro. O grupo Teatro do Ar presenta a súa nova obra “Un vals para Cincinatti”, nun dobre pase no auditorio do Concello o sábado e domingo ás 20.00 horas con entrada libre ata completar un aforo reducido, soamente poderán entrar 70 persoas cada día.

A nova obra do grupo é unha historia de amor escrita polo seu director, Pedro Rodríguez, e que se centra en Ana, unha muller nova que leva pechada na súa habitación desde que se foi Jack hai 1 ano e 27 días. Deixouna pola guerra, e ela viuno marchar apoiada na xanela. Con el ían os seus soños de fuxir ao idílico Cincinnati e casar o día de Entroido. Farta de agardar, Ana decide suicidarse xusto o día no que Jack volve.

“É unha obra ambiciosa coa que queremos seguir mellorando e loitando polos nosos soños”, explica o director. Dende o grupo teñen a intención de mover “Un vals para Cincinatti”, por varios teatros da comarca, de Galicia, e competir en varios concursos como fixeron o ano pasado, cando foron finalistas do certame Xuventude Crea que organiza a Xunta de Galicia.

Detrás desta obra “tamén está o comercio local” explican dende Teatro do Ar. Gran parte do decorado da montaxe foi mercado en comercios do Val Miñor e de Vigo. “Dende a nosa humildade tamén queremos axudar todo o que poidamos”, explican.