Ribera Povisa incorpora un PET-TAC e renova a súa tecnoloxía

O hospital Ribera Povisa incorporará nas próximas semanas o PET-TAC aos seus equipos de diagnóstico por imaxe, como parte dun traballo de renovación e ampliación de novas tecnoloxías no que investiu tres millóns de euros e que inclúe tamén unha nova resonancia magnética e un novo acelerador lineal.

O PET-TAC, esencial na detección de células tumorais, e o novo acelerador lineal supoñen en conxunto unha importante actualización tecnolóxica do hospital dirixida ao diagnóstico e tratamento oncolóxico. O equipo de mantemento do hospital e técnicos externos xa desmontaron o antigo acelerador lineal, operativo ata hai poucos días, e iniciado as obras de instalación do novo, cuxas dimensións obrigaron a modificar e renovar tamén o servizo de Medicina Nuclear. Este acelerador, valorado en 1,7 millóns de euros, é un modelo de última xeración que abre a porta á implantación dos tratamentos de radioterapia máis avanzados que existen no mundo. É unha tecnoloxía, moito máis precisa, que permite a máxima dose para destruír as células tumorais preservando a integridade dos tecidos sans de veciñanza. O novo acelerador reducirá tamén os tempos de tratamento, o que supoñerá un beneficio adicional para os pacientes.

Doutra banda, o hospital incorporará tamén unha nova resonancia magnética de alto campo, que incorpora os últimos avances na calidade das imaxes diagnósticas. Este equipo permite ademais melloras importantes no confort para os pacientes, como son a redución do ruído percibido durante a exploración, a posibilidade de escoitar música, que o paciente poderá elixir, ou, se o prefire, oír a súa emisora de radio favorita ou achegar a súa propio USB cos seus temas preferidos. Estas vantaxes acompañaranse dunha redución significativa do tempo de duración da proba.

A instalación dos equipos leva incorporada un investimento importante nas salas onde se atopan, co obxectivo de rodear ao paciente dun ambiente agradable e relaxante a través de imaxes e cores que fagan máis levadías as probas, como é o caso da sala onde se sitúa a nova resonancia magnética, que está decorada cunha fotografía en gran formato dunha posta de sol nas illas Cíes.