O Monte Real inaugura a tempada de vela pesada co Trofeo Comunica

Tras poñer en marcha a Liga de Inverno de J80 e celebrar o Campionato de España de Optimist, o Monte Real Club de Yates inaugura este sábado a tempada de vela pesada co Trofeo Comunica, a primeira das seis regatas para cruceiros que o club baionés programou para este 2021.

Unha costeira entre Vigo e Baiona será o trazado que os veleiros participantes (que poderán competir en ORC, ORC Open, ORC Double Handed, J80 ou Fígaro) deberán completar para facerse coa vitoria final, que se resolverá nunha única xornada.

Aínda que será a meteoroloxía a que ditamine o percorrido definitivo, a intención do comité de regata é facer pasar aos barcos máis rápidos por algunha baliza mentres que o resto navega de forma directa, co obxectivo de que todos poidan chegar ao final máis ou menos ao mesmo tempo.

O punto de chegada estará situado nas proximidades da doca de Baiona e unha vez finalizada a proba, será o propio Monte Real Club de Yates o que albergue a entrega de premios aos gañadores, ás sete da tarde.

Como novidade este ano, unha das categorías en liza será a de ORC Double Handed, na que os veleiros irán tripulados unicamente por dúas persoas. Trátase dun cambio aceptado polo club organizador tras recibir solicitudes por parte dalgúns armadores que queren poder participar en máis regatas dentro desta modalidade para prepararse de fronte ao Campionato Galego de A2 que se celebrará en xuño.

Un dos veleiros que participarán nesta categoría será o Salaño Dos de Jacobo Vecino e Brenda Maure, que se enfrontará, entre outros, ao Q Talento Consultores de Javier Rey e Jorge Justo; ao Lacazán de Mariano Benavente e Genoveva Pereiro; ou o Alalunga de Rodrigo Rodríguez e Carlos Cárdenas.

En ORC estarán tres dos habituais das grandes regatas en Galicia: o Yess Racing do portugués Rui Ramada, o Aceites Abril dos irmáns Pérez Canal e o Pairo patroneado por Luis Bugallo. E para a competición dos J80 xa se inscribiron para participar o Luxoconf de Jean Claude Sarrade, o SND Cormorán de Francisco Martínez, o Ifaclinic de Joao Allen, La Galera de Miguel Fernández, o Luna Nueva de Juan Luis Tuero e o Pazo de Cea de Iago Carballo.

Na última edición da competición, celebrada en 2019 (en 2020 non houbo por mor das restricións do COVID19), resultara gañador o Nahela do Club Deportivo Alagua, patroneado por Víctor Manuel Álvarez. Vencera na clasificación xeral e tamén levara a vitoria na clase ORC 1. En ORC 2 o gañador fora o Abal Abogados de Mariano Dios (Ro Yacht Club), e en monotipos impuxéronse o Cansino de Fernando Yáñez e o Ladeira de Genoveva Pereiro. O barco máis rápido en completar o percorrido (11,9 millas en apenas 2 horas e 7 minutos) fora o Swan 45 Yess Too do portugués Rui Ramada.

Esta nova edición do Trofeo Comunica volve estar patrocinada, un ano máis, e xa van cinco (catro edicións de cruceiros e unha exclusiva de monotipos), por Comunica Comunicación Visual, unha firma que ofrece servizos de impresión, rótulos, deseño industrial e artigos acrílicos a toda Galicia desde o municipio da Guarda, onde se sitúa a súa sede principal. Desde hai xa meses, baixo a firma de AEProtec, dedícanse tamén á fabricación de máscaras, pantallas e outros produtos relacionados coa protección fronte ao COVID19.