Declaran incompetentes aos concellos para multar por non levar máscara na vía pública ata febreiro deste ano

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Vigo declarou incompetentes aos concellos ata despois da recente reforma da Lei de Saúde de Galicia, o pasado 25 de febreiro, para multar por non levar máscara na vía pública. O maxistrado destaca nunha sentenza, na que anula unha sanción imposta polo Concello de Sanxenxo por este motivo, que a Administración local, ata a modificación da lei autonómica, só tiña “responsabilidades mínimas en relación ao obrigado cumprimento das normas sanitarias e ao control sanitario en determinados espazos ou ámbitos”, entre os que non se incluía a vía pública.

O titular do Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Vigo anulou unha sanción de cen euros que o Concello de Sanxenxo lle impuxo a unha muller por non levar máscara na rúa durante a madrugada do 5 de xullo de 2020. O maxistrado relata na resolución, contra a que non cabe interpoñer recurso, que a conduta da denunciada, quen se atopaba fumando nas inmediacións dun pub en compañía de dúas amigas, pero afastadas a máis de dous metros de distancia de calquera outra persoa, “non encaixa na tipicidade da infracción leve pola que foi sancionada”. Así, destaca que no momento en que foi identificada “executaba unha acción, fumar, incompatible co uso da máscara”. Ademais, ata ese momento non estaba vixente ningunha normativa respecto ao feito de fumar na vía pública.

O xuíz, con todo, engade que, aínda que se acreditou a culpabilidade da denunciante, o Concello de Sanxenxo carecía de competencia para sancionala porque os feitos sucederon na vía pública, é dicir, fóra das “áreas de responsabilidade mínima sobre as cales os concellos exercían competencias de control sanitario”. O maxistrado conclúe no fallo que, ata a recente reforma da Lei de Saúde de Galicia, a competencia para impoñer este tipo de multas era da Xunta e non dos concellos.