Aprazado o 54º Rally Rías Baixas

FOTO: RALLYE RÍAS BAIXAS // Miguel Fuster no TC Chenlo-Morgadáns.

Tras a última reunión mantida este pasado luns 19 de abril entre o Concello de Vigo, a Escudería Rías Baixas e Recalvi, empresa promotora da 54 edición do Rallye Rías Baixas, tomouse a decisión de aprazar, con data aínda por definir, a proba puntuable para a Copa de España de Rallyes de Asfalto (CERA-Recalvi) 2021.

Os últimos datos sobre a evolución da pandemia da Covid-19 xeran lóxicas dúbidas acerca da seguridade sanitaria que se poida manter nunha proba que tivo sempre á cidade de Vigo como un dos seus eixos principais. Así as cousas, e esperando unha mellor situación, tomouse a decisión unánime de atrasar a celebración do rallye a unha data posterior, sempre dentro deste ano 2021, e a acordar entre todas as partes; tamén a Real Federación Española de Automobilismo. A este respecto, a vontade da organización é a de trasladar a cita ao prazo comprendido entre o mes de setembro e a primeira quincena de outubro.

O desexo e a intención dos organizadores da carreira é que, cando se celebre o Rallye Recalvi – Rías Baixas, este fágao como sempre: ao grande e achegando o espectáculo do motor aos diversos concellos limítrofes polos que discorre e a unha cidade, a de Vigo, que contou coas diversas cerimonias, parque de asistencias ou tramo urbano-espectáculo como foco de atención e de atracción do público (seguidores e cidadáns).

“Queremos reiterar as nosas desculpas a todas as partes afectadas, equipos e afeccionados, e mostrar publicamente o noso compromiso total de que, este ano si, non será unha cancelación. No momento en que teñamos confirmada unha nova data de celebración comunicarémola e traballaremos con todas as forzas para que o Rallye Recalvi – Rías Baixas salga adiante coas máximas garantías de seguridade”, apuntan desde o comité organizador.

Así mesmo, queren agradecer a comprensión de todos os organismos, institucións e administracións implicadas neste proxecto. “Tan pronto como sexa posible devolveremos con alegría e espectáculo todo ese esforzo e confianza depositados en nós”, conclúen.