A Xunta prevé chegar a 20.000 fogares coas axudas do programa Renove Electrodomésticos

A Xunta de Galicia informa de que os cidadáns interesados en participar no programa Renove Electrodomésticos poderán solicitar desde mañá, martes 20 de abril, estas axudas coas que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación pretende chegar a 20.000 fogares.

O programa Renove Electrodomésticos está dirixido a persoas que residan en vivendas localizadas en Galicia e queiran renovar os seus equipos por outros da mesma tipoloxía e coa seguinte cualificación enerxética: frigorífico ou frigorífico conxelador A, B, C ou D; conxelador A, B, C ou D; lavadora A, B ou C; lavalouza A, B ou C; ou encimera de indución total.

As axudas, ás que se destinan un total de 3M€ –o que supón un incremento do 70% con respecto á convocatoria anterior en 2020–, serán de concorrencia non competitiva e as solicitudes tramitaranse a través de entidades colaboradoras –das que xa hai preto de 400 adheridas e que poden seguir solicitando a súa participación ata o 30 de xuño– e presentaranse por medios electrónicos.

Os apoios poderán acadar o 25% do prezo do electrodoméstico para un consumidor xeral, o 50% para os vulnerables e o 75% para os vulnerables severos, polo que, segundo a tipoloxía de electrodoméstico e o consumidor, as axudas irán desde os 100 aos 450 euros. Deste xeito, prestarase especial atención ás familias vulnerables. Cada beneficiario poderá recibir unha axuda para cada unha das tipoloxías cun máximo de tres electrodomésticos.

Con esta nova convocatoria a Xunta prevé promover unha mobilización de 10,5M€, aforros económicos anuais de 560.000 euros, unha redución do consumo enerxético de 4050MWh/ano, unha diminución das emisións de CO2 equivalente á plantación de 60.000 árbores e a creación de, aproximadamente, 150 postos de traballo.

Preto de 12.000 actuacións na convocatoria anterior

Na pasada convocatoria, a Xunta apoiou un total de 11.822 actuacións por un importe de 1,7M€. Máis da metade para a compra de lavadoras, que foi o produto máis demandado polos beneficiarios. O 40% do importe das axudas foi para familias vulnerables. En total, mobilizáronse 6M€ e conseguíronse aforros económicos de máis de 300.000 euros ao ano.

O programa enmárcase no Plan de axudas ao comercio galego, sumándose así aos Bonos Activa Comercio ou ao Bono Enerxía Peme e Comercio. Todas estas iniciativas teñen como obxectivo reforzar a competitividade do sector e incentivar o consumo favorecendo, deste xeito, a súa recuperación.