A Plataforma Gondomar Fibra Xa! reúnese cos grupos políticos municipais

A Plataforma Gondomar Fibra Xa! reuniuse onte en Peitieiros con portavoces dos partidos políticos con representación na corporación municipal para coordinar accións ante o deficiente servizo de internet.

Estiveron presentes Paula Bouzós polo PP, Manolo Gómez de C’s, Manuela Rodríguez do BNG e Antonio Araújo de Manifesto Miñor. Malia présa da convocatoria, que se fixo durante esta mesma semana, só o voceiro do PSOE e alcalde por maioría absoluta de todos e todas as gondomareñas, Paco Ferreira, deixou de asistir a esta reunión, unha vez máis e sen mediar resposta.

O obxectivo do encontro era poñer en coñecemento común a situación actual do despregamento do servizo de fibra no concello e comezar a construír unha estratexia coordinada tanto pola vía política, posto que a administración pública está a subvencionar millonariamente a unha empresa privada para esta finalidade, como pola vía da organización cidadá.

“Por desgraza estamos lonxe aínda dunha solución para que se poida dotar ás parroquias de Gondomar dunha conexión de banda ancha útil e axustada aos tempos que corren -o que supón unha vulneración dun dereito e unha situación grave de desigualdade-, e tanto a empresa Movistar como a administración pública amosan unha falla de interese e de celeridade totalmente indignantes e inaceptables. Por isto agradecemos a asistencia das concelleiras/os asistentes e a implicación para poñer a primeira pedra desta que agardamos sexa a última escalada de iniciativas e protestas por unha solución urxente a esta carencia que afecta a máis de 10.000 veciñas e veciños de Gondomar”, sinalan desde a Plataforma.