O dúo compostelán Verto únese ao Vive Nigrán 2021

Un dos dúos galegos do momento e revelación deste ano é a nova confirmación de Vive Nigrán para o xoves 15 de xullo, compartindo data cos xa confirmados Locoplaya. O festival regresa na súa 5ª edición ao recinto no que naceu en 2017 –o Campo de fútbol de Monte Lourido– e adaptarase a un formato “especial” con aforos limitados.

Verto son a sensación do momento e pertencen á nova xeración de mozos galegos que buscan rexurdir a música en galego con sons e letras actuais. O dúo compostelán, formado por Fer e Berto, entrou con forza ao panorama musical galego e promete chegar para quedar. ‘‘Embora’’ é o seu último disco, estreado fai tan só unha semana, un disco escrito en galego con claras influencias da música pop, trap e do R&B máis moderno. Segundo eles, só queren facer música que faga bailar aos seus colegas e non tomarllo moi en serio, pero xa acumulan unha base sólida de fans cunha media de 62.444 oíntes mensuais en Spotify, sendo ‘‘Oie Gayego’’ a súa canción máis coñecida ata o momento cun total de 467.657 reproducións (unha sátira xeracional sobre Galicia, os seus costumes e habitantes).

A cuarta confirmación desta edición compartirá escenario con LOCOPLAYA o xoves 15 de xullo, asegurando unha noite chea de festa para todos os públicos. As entradas individuais para velos o xoves 15 xa están dispoñibles a un prezo inicial de 25€ + gastos a través da web de Vive Nigrán e de Ataquilla.

NATALIA LACUNZA e SIDECARS son os outros dous nomes confirmados ata o de agora para o venres 16 e sábado 17 xullo respectivamente. O ritmo de venda de entradas para ambos os concertos está a ser moi alto, o que demostra o enorme interese que espertaron ambos os dous concertos ante a súa cada vez máis grande base de fans. LOCOPLAYA son toda unha festa en directo. A terceira confirmación desta edición asegura un concerto divertido e para todos os públicos.

Vive Nigrán conta co apoio da Deputación de Pontevedra, Concello de Nigrán e Xunta de Galicia. Ademais, conta co patrocinio de Vibra Mahou, a plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas. O festival estará adaptado á situación actual e aplicaranse as recomendacións, instrucións e medidas protocolarias vixentes sobre materia sanitaria e nivel de aforo, para o correcto desenvolvemento dos concertos.