Baiona fomenta a lectura entre as persoas deportistas para conmemorar o Día do Libro

A Concellería de Deportes de Baiona organizou a “Semana do Libro” co obxectivo de fomentar a lectura e combinala co deporte para conmemorar o Día Internacional do Libro 2021, xunto aos distintos clubs deportivos locais que teñen escolas deportivas e campus co Concello.

Durante a próximo semana, do 19 ao 25 de abril, instalarase unha mesa con libros no pavillón municipal para que os socios e socias dos clubs intercambien entre si exemplares de lectura. O resto de usuarios e usuarias das instalacións tamén poderán sumarse ao proxecto. O intercambio de libros levarase a cabo seguindo un protocolo anti Covid e as persoas interesadas poderán acudir a realizar os intercambios en horario de 8:00 a 23:00 horas de forma ininterrompida, o horario habitual de funcionamento das instalacións municipais.

Baixo o lema “Troca novas experiencias, troca por dentro e por fóra. O deporte de Baiona coa lectura”, o obxectivo da iniciativa non é outro que incentivar a lectura, especialmente entre os máis novos, para converter ler libros nun hábito dos nenos e nenas baioneses desde a idade máis temperá. A este obxectivo principal súmase a importancia e os beneficios da combinación da práctica do deporte cos hábitos de lectura.