A Liga de Inverno Baitra J80 cruza o seu ecuador co Okofen e o Marías na cabeza

A Liga de Inverno Baitra J80 cruza este sábado o seu ecuador coa celebración da terceira das cinco xornadas programadas na competición organizada polo Monte Real Club de Yates co patrocinio de Baitra Accesorios Navales.

O Okofen do vigués Javier de la Gándara e o Marías do portugués Manel Marías son os veleiros que van na cabeza, en primeira e segunda posición respectivamente, separados apenas por tres puntos. Esta diferenza tan axustada e a proximidade das tripulacións que van en terceiro e cuarto posto -o Pousado de Fernando Yáñez e o Alboroto de Juan Carlos Ameneiro-, dará sen dúbida emoción á xornada regateira de mañá.

Unha etapa na que, ademais, se se cumpren as previsións e celébranse as tres probas en programa, chegarase á sexta manga e ao descarte, que permitirá aos equipos eliminar da clasificación o seu peor resultado, podendo producirse con iso importantes saltos na clasificación.

Todo está aberto, por tanto, para a terceira xornada da liga de monotipos do Monte Real, que ten fixada a hora de inicio ás tres da tarde nun campo de regatas situado no interior da baía de Baiona, no que a previsión meteorolóxica anuncia moita nebulosidade, algo de choiva e un vento do suroeste que soprará cuns 8 – 10 nós de intensidade.

A competición será visible, como sempre, para todo aquel que o desexe, desde o paseo que rodea ao Parador Nacional e desde os areais máis próximos á baía de Baiona.