O Goberno da Deputación de Pontevedra deu hoxe luz verde a outras achegas das Liñas 1 e 2 do Plan Concellos 2021, que beneficiarán a unha vintena de concellos da provincia e que suman un investimento de 1,5 millóns. No primeiro caso, concedéronse sete achegas por un millón de euros para os concellos de Arbo, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, O Porriño, Nigrán e Vilaboa. Nigrán percibirá 80.347€, cos que poderá costear as obras da nova rede de saneamento na rúa Mestra Emérita.
No que se refire á Liña 2 do Plan Concellos destinada a amortizacións e gastos, así como para financiamento de actividades culturais, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou unha nova relación de achegas para 15 concellos por importe de 458.358€. Son axudas para Baiona, Barro, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, O Grove, A Guarda, Moraña, Oia, Poio, Redondela, O Rosal, Salceda de Caselas, Vilagarcía e Vilanova de Arousa.
As achegas son tanto para actividades festivas, como a Arribada de Baiona, a Feira do Viño do Rosal ou o Festival Internacional de Música Clasclás de Vilagarcía, como para financiar servizos dos concellos, entre eles os de limpeza viaria, limpeza de instalacións deportivas ou para sufragar actividades de promoción turística e dinamización do comercio local.

