O Vigo-Rías Baixas pon a proba o seu bo momento en Euskadi e Cataluña

Líder da clasificación Elite por equipos da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) e á fronte da clasificación individual das Grans Clàssiques catalás, o Vigo-Rías Baixas competirá en dúas frontes durante esta fin de semana. A estrutura presidida por José Luis Chamorro disputará o Memorial Valenciaga en Euskadi e a Challenge do Vallès en Cataluña. Un dobre test da máxima esixencia para os corredores flúor tras o seu destacado arranque de tempada.

Un mes despois de poñerse en marcha, a Copa de España regresa este domingo ao País Vasco para celebrar a súa segunda xornada e reactivarse coa súa cita máis prestixiosa. O Memorial Valenciaga festexa as súas vodas de ouro e por segundo ano consecutivo a liña de meta estará situada no Santuario da Virxe de Arrate, unha subida de 1ª categoría que a pasada campaña resultou fatídica para o Vigo-Rías Baixas. Nas súas ramplas, o uruguaio Mauricio Moreira perdeu a camisola de líder na última carreira do certame estatal.

Con ganas de tomarse o desquite, a escuadra dirixida por Marcos Serrano acode á 50ª edición da clásica eibarresa cunha aliñación formada por Miguel Ángel Fernández, Ander del Castaño, Pelayo Monasterio, Asier González, Ángel Maneiro, Manuel Sampedro e Álvaro Carasa.

A carreira, que será retransmitida en directo a través da canle de Youtube do Club Ciclista Eibarrés, arrancará ás 9:30 horas en Eibar. No primeiro terzo dos 153 quilómetros de percorrido os corredores ascenderán os altos de 3ª categoría de Itziar e Aia. Os portos puntuables regresarán no tramo final. O Alto de Ixua, de 1ª e situado a falta de 33 km para a meta, ben podería ser clave para efectuar a selección definitiva, pois nada máis terminar o seu descenso empezará a ascensión ao Alto de San Miguel, de 3ª, o aperitivo á subida ao Alto de Usartza, de 1ª, que se coroa a 2,5 km da chegada ao Santuario de Arrate.

Prades

Con outra proba reservada para escaladores abrirase a fin de semana de ciclismo elite- sub23 en Cataluña. A I Challenge do Vallès estréase no calendario cunha cronoescalada de 2 km o sábado pola tarde ao Alt de Can Poi e resolverase o domingo no 160 km do GP KH7 de Lles Franqueses. Lucindo a camisola de líder da xeral das Grans Clàssiques, Benjamí Prades será o único representante do Vigo-Rías Baixas na provincia de Barcelona.