Os laroqueiros Artai Bringas e Ana Fernández, terceiros nos Campionatos Galegos Sub 18

Rematados os Campionatos Galegos Absolutos e Sub 18 disputados ao longo da pasada Semana Santa no Hotel Scala na localidade de Padrón, nos que o Club de Xadrez Laroca participou con dous representantes na categoría absoluta e catro na de Sub 18, acadando uns grandes resultados.

Na categoría absoluta participaron un total 74 xadrecistas, proclamándose campión o Gran Mestre David Lariño do CDR Portas Abertas de Verín con 7 puntos de oito posibles e invicto. O laroqueiro Breixo Álvarez Domínguez rematou no posto 23, logrando 4,5 puntos sobre 8, destacando a vitoria sobre o Mestre Internacional Julio Suárez e unhas táboas sobre o Gran Mestre Arián González. Pola súa parte Samuel Rodríguez Alleres rematou no posto 50 con 3,5 puntos de 8 posibles.

Na categoría Sub 18 participaron 35 xadrecistas. Categoría moi igualada, na que se produciu empate a puntos dende o segundo ata o oitavo posto, tendo que recorrer ao desempate, proclamándose campión Andrés Rodríguez do CX Fontecarmoa de Vilagarcía con 6,5 puntos de oito posibles. Nesta categoría os representantes do Laroca fixeron un gran torneo, Artai Bringas rematou no terceiro posto con 5,5 puntos de oito posibles e conseguindo unha das bolsas económicas coas que a Federación Galega de Xadrez premia aos mellores xadrecistas galegos para o Campionato de España, a celebrar na primeira semana de agosto na localidade granadina de Salobreña, ao igual que Ana Fernández, que rematou no posto 26 con 3,5 puntos sendo a terceira feminina. Destacar o sétimo posto de Mauro Sanromán con 5,5 puntos e Ricardo Fernández no posto 21 con 3,5 puntos.