Feijóo destaca en Nigrán o aeronáutico como un sector estratéxico para a economía galega

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o aeronáutico como un sector estratéxico para a economía galega e recordou que aspira a captar fondos Next Generation para a consolidación do polo aeroespacial de Galicia. Trátase dunha iniciativa tractora que podería chegar a mobilizar, grazas á colaboración público-privada, máis de 500 millóns se o Goberno a inclúe dentro da candidatura estatal aos fondos europeos, un proxecto que servirá para facilitar a implantación na Comunidade de investimentos industriais, centros de traballo e centros de I+D relacionados co polo aeroespacial, que ten a súa sede no aeródromo de Rozas.

Durante unha visita ás instalacións de Delta Vigo Aeroestructuras, Feijóo recordou que con estes mesmos obxectivos a Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), destinará este 2021 case 20 millóns de euros ao polo aeroespacial, que se sumarán aos 164 millóns de euros mobilizados desde 2015 para executar 59 proxectos de I+D e de infraestruturas, crear 5 novas empresas neste eido, así como a posta en marcha da Business Factory Aero, que permitiu a incubación de 19 iniciativas.

Nesta mesma liña, salientou que o Consorcio Aeronáutico Galego, creado en 2007, conta hoxe con máis de 80 membros, entre empresas, universidades, centros tecnolóxicos e entidades vinculadas ao sector aeronáutico e aeroespacial.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Executivo autonómico destacou a traxectoria de Delta Vigo como exemplo dunha empresa con historia e con futuro, que apostou sempre pola I+D+i como a mellor receita para afrontar os retos que xa estaban antes da pandemia e os novos desafíos que formula o escenario postcovid.

“Estamos a falar dunha compañía que deu os seus primeiros pasos no sector naval e conserveiro e que agora conta con experiencia en sectores industriais como a automoción, a defensa ou a náutica deportiva; ademais de ter a internacionalización como un dos seus piares”, salientou.