Usuarias afectadas polo funcionamento da área de Benestar Social de Nigrán desmenten ao alcalde

Ante as declaracións vertidas hoxe na sesión plenaria do Concello de Nigrán por parte do Alcalde, as usuarias afectadas polo funcionamento da área de Benestar Social manifestan nun comunicado o seu desacordo e desmenten a información que se transmitiu por parte do rexedor desta corporación municipal. Primeiramente queren deixar constancia que si existe un colectivo de persoas afectadas pola mala praxe das traballadoras sociais dependentes da área de Asuntos Sociais deste concello.

Segundo, afirman que a concentración do pasado 26 de febreiro en contra das actuacións irregulares das traballadoras do departamento de Servizos Sociais foi convocada por este colectivo, e apoiada por diferentes partidos políticos, “á cal non asistiron todas as persoas afectadas por temor a que por parte das traballadoras da devandita área, as cales son as que están a realizar unha mala e arbitraria xestión e desenvolvemento das súas obrigacións como traballadoras públicas, tomásese calquera tipo de represalia a posterioridade”.

E xa por terceiro e último, negan categoricamente que no transcurso da concentración, na que estiveron presentes efectivos da Garda Civil e nalgún momento membros da corporación local de Nigrán, proferísense termos descualificativos, pexorativos, insultos ou improperios tales como “asasinas” cara ás traballadoras do devandito departamento, “como se deixou constancia de maneira falaz e errónea hoxe na sesión plenaria”.

“Ante a suspicacia e o posicionamento equidistante e arbitrario do Goberno local de Nigrán cara a este tema, seguiremos loitando por que se respecten os nosos dereitos como usuarias deste servizo público, acudindo aos organismos pertinentes e tomando as medidas que consideremos oportunas”, conclúen.