Nigrán suma á súa flota de vehículos un turismo eléctrico cero emisións

O Concello de Nigrán continúa coa renovación da flota de vehículos municipais grazas á cesión temporal da concesionaria de abastecemento Aqualia dun turismo eléctrico Hyundai Kona de 150 W. Este cero emisións súmase ás dúas furgonetas 100% eléctricas coas que xa contaba o Concello, unha no departamento de Vías e Obras (2018) e outra en Medio Ambiente (2020). O turismo, cunha autonomía superior aos 400 qm servirá para cubrir as necesidades de desprazamento dos diferentes departamentos municipais e, ao mesmo tempo, promoverá a compra de vehículos sostibles entre a veciñanza ao ser un transporte moi silencioso e 0 contaminante.

Desde o Concello apostamos por medios de transporte non contaminantes e, consecuentemente, predicamos co exemplo. Compre recordar que somos o municipio de España con máis electroliñeiras e mesmo bonificamos o imposto de rodaxe aos vehículos eléctricos, híbridos ou a gas, todo elo como incentivo», explica o alcalde, Juan González, quen incide no aforro económico que supón para as arcas municipais prescindir do combustible e no conveniente que resulta dispor dun punto de carga gratuíto e municipal ao carón da Casa do Concello. Con esta incorporación rebáixase a vida útil media dos seus vehículos, que nos últimos anos pasou de 20 a 10.

O Concello de Nigrán conta cunha electroliñeira con catro subministradores de carga rápida en Panxón (ao carón do Pavillón) e outra ao carón do Centro de Negocios do parque empresarial Porto do Molle, ademais da semi-rápida gratuíta disposta no 2018 polo propio Concello ao lado da Casa Consistorial. Así, a localidade ostenta o récord de electroliñeiras en espazos públicos de España.

Paralelamente, o goberno local aprobou no 2018 unha bonificación do imposto de rodaxe nun 50% aos vehículos híbridos ou a gas (GLP) e nun 75% aos eléctricos ou híbridos enchufables, etiquetados estes últimos pola DGT como “0 emisións”. «É unha labor da administración promover o uso de enerxías limpas e facilitar o acceso a elas mediante este tipo de iniciativas», conclúe González.