Afundación pon en marcha un programa de acompañamento +60 en toda Galicia

Afundación, a Obra Social de ABANCA, porá en marcha a partir da próxima semana un novo programa de acompañamento para persoas maiores de 60 anos, co obxectivo de dar apoio e proporcionar ferramentas que lles axuden a xestionar as novas situacións xurdidas polo impacto da pandemia. O programa, que será gratuíto, deseñouse a partir dunha experiencia piloto desenvolta desde o mes de xaneiro entre 700 persoas socias dos Espazos+60 de Afundación para coñecer o cambio nas súas necesidades e inquietudes no novo contexto social.

“Ante as restricións e recomendacións de prevención, especialmente ata completar a vacinación, faise necesario minimizar os efectos que as limitacións á mobilidade e ao contacto social provocan na saúde física, psicolóxica, mental e emocional da persoas maiores que ven máis afectadas por elas nas súas rutinas diarias. Neste contexto, o noso programa de acompañamento busca ser un apoio para que os participantes sigan conectados cos demais, realicen as xestións que precisen e accedan a propostas que lles permitan manterse activos física e mentalmente tanto para gozar da vida, coidar da súa saúde como para seguir aprendendo”, subliña Sabela Couceiro, coordinadora de Envellecemento Activo de Afundación.

A primeira acción do programa é a proposta “pasear e conversar” na que as persoas participantes reuniranse en grupos reducidos para dar pequenos paseos e compartir un tempo de conversación ao aire libre, acompañados dos membros do equipo da área de envellecemento activo de Afundación que se encargarán de dinamizar a actividade. Esta acción está pensada para persoas que necesitan un apoio para reactivar o contacto social, saír de casa e animarse a facer exercicio físico. Será unha ocasión para conversar acerca de inquietudes, estados de ánimo e darse conta de que moitas emocións tamén son compartidas por outras persoas.

A proposta inclúe tamén acompañamento telefónico emocional, dirixido a persoas que teñen dificultades de mobilidade e resúltalles, por tanto, máis complicado saír do fogar ou que precisan un apoio emocional por causas diversas: perdas, soidade, enfermidade propia ou dun familiar ou calquera outra circunstancia etc.

O programa ofrece, en terceiro lugar, acompañamento dixital personalizado. Así, en horario de mañá e tarde, de forma telefónica ou presencial con cita previa nos Espazos+ 60 de Afundación, os especialistas do equipo da Obra Social de ABANCA atenderán calquera dúbida sobre o manexo dos distintos dispositivos tecnolóxicos. Deste xeito asesorarase en xestións en liña da vida diaria como pedir unha cita médica ou para a ITV, renovar o DNI, reservar libros na biblioteca, visitar virtualmente unha exposición, facer a compra ou como sacar o máximo partido aos dispositivos móbiles, tablets ou computadores descargando programas, APPs etc. Como consecuencia da pandemia, incrementouse significativamente o uso dos dispositivos tecnolóxicos para comunicarse, realizar xestións ou acceder a novas propostas de lecer e formación e isto non é unha excepción no colectivo sénior. Segundo a última enquisa do INE sobre o equipamento e uso das tecnoloxías da información nos fogares, desde 2015 o uso da internet entre persoas de 65 a 74 anos pasou dun 37,2% os homes e un 26,1% das mulleres a un 70,5% dos homes e un 68,9% das mulleres desta idade en 2020, cun crecemento en 6 puntos porcentuais respecto a 2019. Así mesmo, un 17,9% das persoas maiores de 74 anos usou diariamente internet en 2020 fronte ao 11,9% que o fixo en 2019.