O PP de Nigrán denuncia, unha vez máis, irregularidades na construción da nova biblioteca

O PP de Nigrán mostra a súa indignación pola recente aprobación dun decreto do alcalde onde concede unha prórroga de execución ao proxecto de construción da nova biblioteca, máis aló mesmo dos 5 meses marcados no mesmo. Segundo os prazos acordados a empresa que está a levar a cabo as obras tiña que terminar o 24 de febreiro, das que certificou menos do 39% a data 28 de febreiro. Segundo Carlos Abal, o rexedor socialista, en contra dos departamentos de contratación e intervención, asinou un decreto para ampliar o prazo de execución e que continúe a mesma empresa, “tendo en conta que a actual gañou o concurso, en boa parte por ofrecer un período de execución máis curto, 3 meses, no canto dos 5 marcados no proxecto”.

“E respecto a esa empresa habemos de indicar que é a que está a realizar as obras na urbanización Villa Lafuente, e a mesma que levou centos de m3 de terra para encher a pista de atletismo, sen que a adxudicataria das pistas subcontratáseo, permitindo que se conseguise desta maneira “altruísta” o nivel do terreo adecuado para a pista. Unha coincidencia?, pregúntase o portavoz popular.

Segundo o PP, o incumprir este período de execución, sen unha xustificación adecuada, como parece que é o caso, fai que as demais empresas que participaron poidan impugnar o acordo, xa que este prazo implicaría que esta empresa pasaría da 1ª posición á 5ª, polo que a adxudicación correspondería a outra das empresas licitantes. “Todo isto podería provocar unha lea legal con incertas consecuencias, que por outra banda, é o habitual nos proxectos do Sr. González, que non sabe xestionar adecuadamente nada que sexa maior que colocar un banco, iso si que se lle dá ben”.

“A día de hoxe seguimos esperando a que se inaugure a nova biblioteca de Nigrán despois de que en xaneiro de 2019 a presidenta da deputación socialista, Carmela Silva, supervisase as obras anunciando aos catro ventos que estaban a piques de finalizar, e agora parece que é para comezos do verán do 2021, ou sexa, 2 anos e medio despois. En resumo, unha chapuza máis de D. Juan González, preguntámonos se será capaz de xestionar algo de importancia de forma adecuada, porque ata o de agora non o demostrou, salvo para colocar bancos, organizar festas, saír en fotos e inaugurar o que se poña por diante”, conclúen os populares.