O calendario solidario “Amanecer 2021” recada 6.500 euros

A venta do calendario solidario “Amanecer 2021” obtivo unha recadación de 6.500 euros, que foron entregados á Asociación de Doantes de Órganos de Vigo, ADROVI. Un grupo de profesionais da Área Sanitaria de Vigo acometeron, un ano máis, esta iniciativa solidaria, un calendario que eles mesmos realizaron e, nalgúns casos, protagonizaron.

Este grupo, coordinado pola TCAE (Técnica de Coidados Auxiliares de Enfermaría), Carmen Pellitero, está composto por 25 traballadoras e traballadores de diferentes categorías profesionais, xa que ademais da enfermaría participaron celadores, azafatas, persoal de seguridade así como o facultativo e xefe de servizo de HADO, Luis Amador e o Coordinador de Transplantes, Lucas Lage.

Segundo Carmen Pellitero “estamos moi contentos, xa que a pesar de ser un ano moi complicado para todos, a xente volveu a responder con gran xenerosidade a esta iniciativa solidaria”.

Fotografías sobre a pandemia

Este ano a temática do calendario versou sobre a pandemia da Covid-19, vista a través dos ollos dos propios profesionais da Área de Vigo, con fotografías realizadas polo propio persoal e algunhas cedidas polos servizos de fotografía dos medios de comunicación locais.