O acondicionamento da PO-331 en Gondomar reforza a seguridade e mellora o acceso ao polígono da Pasaxe

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salienta que as obras de acondicionamento executadas na estrada PO-331 en Gondomar reforzan a seguridade viaria e melloran o acceso ao polígono industrial da Pasaxe, tras un investimento da Xunta de case 435.000 euros. Vázquez Mourelle supervisou hoxe xunto co alcalde, Paco Ferreira, o resultado das actuacións acometidas neste punto da estrada autonómica PO-331, en Gondomar. Explicou que estas intervencións se enmarcan na estratexia da Xunta para eliminar os tramos de concentración de accidentes nas vías de titularidade autonómica.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade referiuse á satisfacción de ter cumprido o compromiso adquirido co Concello de Gondomar e cos empresarios desta área industrial, cos que se coordinaron as actuacións executadas. O proxecto incluíu a actuación no treito industrial, onde se desenvolveu a maior parte das obras, pero tamén noutro tramo máis rural, que conforma os accesos a esta área. Concretou que na zona do polígono, se mellorou a intersección entre a estrada PO-331 e a autoestrada AG-57 e se eliminaron os xiros á esquerda desde a calzada, coa construción dunha glorieta. Tamén se reordenou o estacionamento e executáronse beirarrúas.

A titular de Infraestruturas precisou que nos treitos máis rurais, de acceso ao polígono desde a PO-331, se acondicionou o firme, entre outras melloras. Ademais, ao longo de todo o tramo regularizouse a sección, con anchos suficientes, espazo intermedio entre carrís e coa renovación da capa de rodadura e da sinalización. Destacou que tamén se incrementou a visibilidade dos pasos peonís mediante a disposición da iluminación axeitada e evitando o aparcamento nas súas proximidades. Fixo fincapé en que esta mellora integral favorecerá a circulación fluída dos vehículos, moitos deles pesados, que cada día se achegan ás empresas do polígono. Lembrou que esta estrada rexistra un tráfico elevado, entre 11.000 e máis de 15.000 vehículos ao día, segundo o treito.

Tarxeta “Xente Nova”

A esta mellora da rede viaria, a conselleira sumoulle a optimización dos servizos de transporte público. Avanzou que no mes de maio todos os menores de 21 anos de Gondomar poderán viaxar de balde no transporte interurbano da Xunta coa tarxeta “Xente Nova”. A Xunta estenderá en maio a todo o territorio da Comunidade as vantaxes que supón esta medida, que contribúe á economía das familias e facilita os desprazamentos dos máis novos, garantindo o acceso á educación, especialmente á non obrigatoria.

Ethel Vázquez lembrou que a Xunta culminou en decembro o Plan de Transporte Público de Galicia coa posta en marcha de novos contratos, que no caso de Gondomar, permitiron o aumento de conexións coa cidade de Vigo e a redución dos prezos dos billetes. Tamén apuntou que o Goberno galego comezará a implantar a Área de Transporte de Galicia no segundo semestre do ano. Neste sentido, convidou aos concellos, como Gondomar, a adherirse á Área para que os veciños se beneficien dos descontos nos billetes que xa desfrutan nas áreas de transporte metropolitano. Detallou que a incorporación voluntaria do municipio á Área de Transporte suporá unha bonificación de 0,65 € no prezo de cada viaxe.