A finais de marzo os gobernos municipais de Baiona e Nigrán anunciaron a súa intención de habilitar diferentes espazos públicos pra lle dar unha correcta situación ás autocaravanas, un xeito de facer turismo e de viaxar cada vez máis estendido en todo o mundo. En xuño de 2016 dende a Concellería de Turismo e Comercio de Gondomar que daquela dirixía Xosé Antón Araúxo, iniciou as xestións e os traballos necesarios para impulsar a creación dunha área exclusiva de autocaravanas como elemento xerador de recursos e como polo de atracción de visitantes desestacionalizados, deixando feito o correspondente proxecto para a súa execución.
No plan económico presentado daquela pola devandita Concellería de Turismo, calculábanse uns ingresos anuais no tecido económico de Gondomar superiores aos 250.000€/ano, dos que 9.000€ irían directos ás arcas municipais pola explotación da propia área. O resto de ingresos indirectos serían do tipo de gastos en tendas, restaurantes, gasolineiras, bares, panaderías ou doutro tipo de servizos demandados polos visitantes. Probablemente a día de hoxe cos cambios nos hábitos sociais producidos pola COVID-19 os resultados serían aínda mellores.
Antonio Araújo recorda que este tipo de instalacións especializadas van dirixidas a un sector que actualmente move en Galicia máis de 3.000 autocaravanas, 54.000 no estado español e 5 millóns en Europa, permiten ofertar eventos exclusivos para un sector da poboación amante da vida apacible, da natureza e respectuoso ca contorna. “Este mercado potencial de máis de 15 millóns de turistas, sería quen de crear sinerxias con outros sectores a través de eventos culturais, gastronómicos temáticos, o que suporía un incremento económico considerable na Vila por cada un que se organizara”.
Araújo considera que o emprazamento dunha área de autocaravanas para que o impacto dos beneficios da súa implantación sexan directos na economía local, debe ser o máis próximo posible ao centro da Vila. Naquela altura o lugar proposto foi a zona do CDL, ou incluso na contorna da estación de autobuses. “Hoxe existe unha nova posibilidade de situación na recentemente comprada finca da Casa Peralba ou calquera outro lugar a valorar”.
No seu día a devandita proposta obtivo o prace, como situación óptima, pola Asociación Galega de Autocaravanas (AGA), precisamente pola súa proximidade ao centro da Vila; a unha área recreativa; pola continuidade cun espazo fluvial; por estar no medio dunha zona polideportiva ou, pola localización da Xefatura da Policía Local. “Por último, dicir que o investimento nas obras necesarias para a adaptación destes espazos serían perfectamente asumibles polo Concello, pois no básico consistirían na instalación de tomas de auga, unha zona de evacuación de augas fecais, ou o acondicionamento do propio espazo”, conclúe Araújo.
Manifesto Miñor presentará unha moción no próximo Pleno da Corporación Municipal de Gondomar instando ao goberno local a iniciar as xestións e os traballos necesarios (aproveitando, se así o considera, a proposta de 2016) para instalar nalgunha das situacións citadas unha “Área de Autocaravanas” que poida estar en funcionamento neste verán.

