A gondomareña Desirée Vila, unha das protagonistas da iniciativa Palabra de Muller de National Geographic

Marzo é o mes da muller e con este motivo, National Geographic lanza a iniciativa Palabra de Muller, buscando inspirar a novas xeracións de mulleres. A través das súas historias, tres mulleres de tres xeracións diferentes contarán que significou para elas ser muller nas súas profesións, como se enfrontaron a situacións de xénero e como iso lles motivou a seguir avanzando nun mundo máis igualitario. National Geographic quere dar voz a estas mulleres como exemplo de moitas outras que as precederon, buscando alentar ás xeracións futuras a seguir o camiño do cambio en Palabra de Muller.

As súas protagonistas son: Flora de Pablo, doutora en medicina, especialista en bioloxía celular e molecular, galardoada co Premio de Divulgación Feminista Carmen de Burgos, que outorga a Asociación de Estudos Históricos sobre a Muller. María Contreras Coll, fotógrafa documental e exploradora de National Geographic. E Desirée Vila, atleta e ximnasta acrobática gondomareña, campioa de España en salto de lonxitude e en 100 m da modalidade Atletismo Adaptado. Autora de “Lo único incurable son las ganas de vivir”.

As mulleres xogaron un papel decisivo en National Geographic nos seus máis de 130 anos de historia. Miles de imaxes captadas nestes anos a través dunha cámara de National Geographic deron conta do testemuño das mulleres: como son percibidas, como son tratadas, canto poder teñen (ou non teñen), como se enfrontan aos desafíos ou como ocupan o seu tempo.

Desirée Vila (xeración “centennial”): Atleta e ximnasta acrobática

“Con forza e determinación, non hai obstáculo insalvable”. Pode soar a tópico, pero Desirée Vila non se cansa de demostralo unha e outra vez: en concreto, cada vez que sobe ao máis alto do podio (e non son poucas). E é que, se o camiño para competir como profesional no deporte feminino xa ten, desgraciadamente, as súas propias barreiras, Desirée tivo a mala sorte de atopar algunhas máis. Tras comezar a súa carreira na ximnasia acrobática dun modo máis que prometedor (Campioa de Galicia no seu primeiro ano, Campioa de Galicia e de España no seu terceiro ano), sufriu unha lesión durante un adestramento que, por mor dunha neglixencia médica, derivou na amputación da súa perna dereita.

Con todo, Desirée xa estaba afeita loitar: despois dunha dura rehabilitación e de probar varios deportes, en 2018 comezou a competir en Atletismo, proclamándose Campioa de España en 100 metros libres e salto de lonxitude; títulos que revalidou en 2019.

Todo un exemplo de superación que xa inspirou a miles de mozas a través do seu esforzo na pista e o seu libro “Lo único incurable son las ganas de vivir”.