O Centro Juan María reforza o seu compromiso consigo mesmo, coa sociedade, co desenvolvemento sostible, co medio ambiente e o noso planeta, aliñando a súa Estratexia cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) propostos por Nacións Unidas, no marco da Axenda 2030.
No día de hoxe o Centro Juan María sumouse á adhesión ao Pacto Mundial das Nacións Unidas, comprometéndose a apoiar os Dez Principios do Pacto Mundial en materia de dereitos humanos, dereitos laborais, medio ambiente e a loita contra a corrupción.
A adhesión realizouse de forma conxunta, con outras 12 Entidades sociais socias de IN-RED – Asociación Profesional e Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego e Entidades do Ámbito da Discapacidade Intelectual e afíns e ADISLAN (Asociación de persoas con discapacidade de Lanzarote). En decembro 2020, as 14 Entidades constituíron o Grupo Operativo Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (GoODS) co obxectivo de xerar Redes e Alianzas, utilizando o marco universal de acción común que lles proporcionan os ODS para guiar as súas contribucións, individuais e como grupo, cara a unha sociedade máis xusta e sostible, aliñando as súas Estratexias individuais cara a unha Estratexia conxunta e coordinada, que lles faga máis sostibles, cohesionados e cooperativos.
En setembro de 2015 aprobouse por parte da Asemblea Xeral das Nacións Unidas a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible e con ela, os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Esta Axenda é unha chamada mundial para adoptar medidas que logren acabar cos grandes problemas do planeta: poñer fin á pobreza e á desigualdade, alcanzar a igualdade de xénero e o acceso para todos a un traballo digno, facilitar o acceso a servizos de saúde e a unha educación adecuada, protexer o medio ambiente e garantir que todas as persoas desfruten de paz e prosperidade.
Os ODS son o novo marco de contribución ao desenvolvemento sostible, composto por 17 Obxectivos e 169 metas que deben cumprirse antes de 2030, e están dirixidos a todos os actores do planeta; os gobernos, a sociedade civil e as empresas foron chamadas á acción para contribuír a estas metas globais.
Neste novo marco, as ONG e Entidades da Economía Social como o Centro Juan María como axentes transformadores da sociedade que son, teñen un protagonismo decisivo. A Adhesión ao Pacto Mundial de Nacións Unidas supón a consolidación e formalización dun percorrido de Acción social iniciado desde as orixes da Entidade.

