Nigrán conclúe a ampliación do saneamento nas rúas Xestal, Lagoíña e Palomar

O Concello de Nigrán rematou as obras para dotar de saneamento as rúas Palomar, Xestal e Lagoíña e tamén de abastecemento nesta última (única que carecía do mesmo xunto cun treito pequeno de Lagoíña), beneficiando con elo a máis de 30 casas. Trátase de tres rúas no núcleo do municipio, Palomar atravesa os barrios de Nogueira e Sanromán (parroquias de Nigrán e Priegue) e Xestal e Lagoíña os barrios de Ceán, A Barxa e Lagoíña (parroquia de Nigrán). Os traballos, con proxecto da Enxeñeira Municipal, executáronse cun investimento de 198.987,22 € ao cargo do Plan Concellos 2018 retrasándose o prazo de execución moito máis do desexado pola renuncia da empresa adxudicataria á metade de obra, tendo que asumir a súa finalización directamente o Concello.

“Era unha obra moi demandada porque beneficiará a moitas familias e, desde o goberno, temos o compromiso de ir ampliando a rede de abastecemento e saneamento ata chegar ao 100% do municipio. Lamentados as molestias aos veciños porque se demorou moito máis do previsto, pero ao fin está todo rematado e en funcionamento”, sinala o alcalde, Juan González, quen destaca que esta intervención incluíu o asfaltado do carreiro forestal por onde continuaba a rúa Palomar, “o que permite conectar directamente a parte baixa de Priegue con Nigrán (A Nogueira e Pombal) evitando así rodeos quilométricos”.

As obras tiveron como cometido construír novos ramais, dividíndose en dúas zonas de actuación: por unha banda, na zona de Lagoíña e Xestal discorrendo os colectores por pistas, sendeiros e 250 metros da EP-2101 (antigamente PO-3323) e conectándose desde o paseo peonil que bordea Porto do Molle; por outro na rúa Palomar, entre San Román e A Tarela, tamén entre estradas, pistas e sendeiros públicos. Os colectores de saneamento en total foron 1’5 km que se instalaron baixo gabia son de PVC de 250 mm de diámetro e o de abastecemento 300 metros de 63 mm en Xestal e Lagoíña. En todos os casos realizouse unha reposición do firme coas mesmas características do existente (agás o fin de Palomar, que estaba en terra).