A Concellería de Vías e Obras de Baiona comeza o arranxo do camiño Fonteloureira en Belesar. As actuacións a realizar son a limpeza das marxes, arranxo da base nas zonas máis danadas e a renovación do firme coa aplicación dunha nova capa de rodadura. Tamén se inclúe no proxecto a mellora da drenaxe do camiño mediante a realización dunha cuneta de formigón que recollerá e canalizará as pluviais.
Segundo as palabras do concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martinez, “este camiño, que une os barrios do Urgal e de Estivada, é moi usado por peóns e vehículos, xa que dá acceso a diferentes vivendas e fincas agrícolas. Con esta obra conseguirase unha maior comodidade e seguridade dos usuarios”.
Esta obra, financiada polo AGADER e o Concello de Baiona, será realizada por Construcciones Fechi, por importe de 34.970,88 euros.
O alcalde Carlos Gómez sinalou que esta actuación únese ás diversas obras que se están levando a cabo nos diferentes barrios e parroquias do Concello de Baiona. “Dende o noso goberno cremos que todas as veciñas e veciños do concello merecen a mesma atención”.

