Sin categoría

O PP de Nigrán insta ao Concello a crear unha oficina de impulso definitivo ao despregamento de fibra óptica

O PP de Nigrán vén de presentar unha moción para o próximo pleno do 5 de abril para que o Concello cre unha oficina de impulso ao despregamento de fibra no municipio durante os próximos 2 anos, para conseguir que o acceso a internet de banda ancha chegue ao 100% dos fogares e empresas. Para os populares, o despregamento da fibra óptica en Nigrán, aínda que creceu considerablemente nos últimos anos, é claramente irregular, dándose paradoxos como que algúns núcleos rurais teñen máis cobertura que zonas urbanas, onde “a priori” sería máis fácil o seu despregamento.

Isto ten unha explicación simple, os despregamentos en zonas rurais están subvencionados pola administración, co que as operadoras prefiren despregar nas zonas que ten un custo menor de investimento. Aínda así, hai numerosas peticións de fogares e empresas que non son atendidas, cando realmente están moi próximas ás zonas despregadas, tanto nas zonas urbanas como nas rurais. Agora mesmo, o ter ou non ter fibra está a converterse nun requisito imprescindible para a venda ou o alugueiro de vivendas. Doutra banda, a hostalería e calquera tipo de empresa necesita ter unha conexión a internet de calidade, ademais xorde a oportunidade de fixar residentes aquelas persoas que poden teletraballar pero que igualmente necesitan unha conexión de calidade.

A proposta do PP consiste en que o Concello cre unha Oficina de Impulso da Banda Ancha en Nigrán, que recolla as demandas dos fogares e empresas e busque coas operadoras solucións a curto prazo para que a Banda Ancha chegue a todos. “Sería conveniente mobilizar recursos público-privados realizando convenios coas operadoras, para que co apoio municipal, póidase dar o servizo solicitado mediante accións como compartir os postes de iluminación ou canalizacións, ou mesmo subvencionar en parte algún despregamento. En resumo, o que sexa preciso para que nese período de dous anos póidase conseguir unha cobertura ao 100% da poboación. Unha proposta pioneira en España, e sen dúbida un exemplo para seguir”.