Talaso Atlántico reabre o próximo 19 de marzo

O Hotel Talaso Atlántico reabre o vindeiro venres, 19 de marzo, coincidindo coa ponte do Día do Pai, tras permanecer pechado desde mediados de decembro do pasado ano. A melloría da situación sanitaria que permitiu levantar os peches perimetrais e, por tanto, ter acceso a clientes potenciais, foi a causa desta nova reapertura, coa esperanza de retomar a actividade dunha forma estable.

Talaso Atlántico reabre baixo o lema “Ganas de verte” e pon ao dispor dos seus clientes todos os seus servizos, incluído o restaurante e o seu centro de talasoterapia con todas as garantías e medidas que esixe a loita contra a pandemia.

O hotel decidiu interromper os seus servizos antes das festas do Nadal ao comprobar que tras o peche perimetral de Vigo e a súa área metropolitana máis próxima facíase insostible a situación polos elevados custes que supón ter aberto un establecemento destas características.

Desde o decreto do estado de alarma, hai un ano, o hotel emprendeu todo tipo de colaboracións e accións co obxectivo de poder seguir manténdose aberto e dar continuidade aos seus 70 empregados e evitar o ERTE.

A dirección do hotel e todo o persoal recibiu numerosas mostras de apoio de clientes e colaboradores desde o inicio dunha crise sanitaria que golpeou duramente ao sector hostaleiro.