Os voluntarios de Protección Civil incrementaron nun 30% os seus operativos en 2020 debido á covid-19

Os voluntarios das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) incrementaron nun 30% os seus operativos de intervención en 2020, así como a desinfección de espazos públicos, a atención en domicilios, reparto de alimentos e medicamentos e tarefas de información e concienciación da cidadanía sobre a importancia de adoptar as medidas de protección fronte á covid-19. O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, recoñeceu o traballo dos efectivos este luns durante a presentación do balance de actividade do 112 Galicia correspondente ao ano 2020 xunto co xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo,

Neste senso, destacan os 21.192 operativos de 2020 fronte aos 14.387 de 2019. Segundo os datos recollidos polo 112 Galicia, do total de operativos, 4.088 correspondéronse coa desinfección en residencias, centros de saúde, hospitais, rúas, zonas de tránsito, paseos, parques, etc.; 1.717 co reparto de alimentos e medicamentos, 652 con actuacións de control e información en colaboración con outros organismos (concello, policía); entre outras actividades.

Peticións de atención psicolóxica

Ademais, o 112 recibiu máis de 700 peticións de atención psicolóxica entre os meses de a xuño de 2020, os máis duros do confinamento provocado pola emerxencia sanitaria. Un período, segundo explicou Santiago Villanueva, marcado “indiscutiblemente” pola situación sanitaria creada pola COVID-19, que influíu no traballo desenvolvido no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, como recollen as estatísticas ao peche do pasado exercicio.

Así, o responsable do departamento incidiu nos resultados na prestación do servizo de atención psicolóxica 24 horas que a Xunta de Galicia habilitou, a través do 112 Galicia, durante os meses máis duros do confinamento. Esta actividade, posta en marcha en colaboración co Colexio Profesional de Psicólogos de Galicia, permitiu dar resposta e derivar aos profesionais especializados un total de 727 peticións de usuarios, que se repartiron da seguinte maneira no tempo establecido: 511 en abril, 195 en maio e 21 en xuño.

Igualmente, destacou o incremento das solicitudes de axuda por emerxencia social recibidas durante o 2020 no 112 Galicia. Estas chamadas estiveron relacionadas maioritariamente por caídas no interior dos domicilios e por situacións de vulnerabilidade (persoas que viven soas, na rúa ou con algún tipo de doenza). Deste xeito, indicou que en 2020 atendéronse un total de 2.014 chamadas deste tipo fronte ás 1.435 atendidas en 2019. De feito, na clasificación por meses, pode observarse como abril, maio e xuño de 2020 experimentaron un aumento con respecto ao mesmo período do 2019: 187 fronte a 106, 182 fronte a 92 e 148 fronte a 130.

Redúcese a distancia entre incidencias xestionadas e chamadas atendidas

Sobre chamadas atendidas e incidencias xestionadas, o 112 Galicia pecha o exercicio do 2020 cunha diferencia cada vez máis axustada entre ambos os dous conceptos para ratificar o coñecemento e bo uso do número único europeo de atención ás emerxencias. Así, das case 383.150 chamadas atendidas, 236.343 implicaron a mobilización dos recursos de emerxencias. Unhas cifras que representan un 3,6 por cento menos de chamadas atendidas con respecto a 2019 (397.534), pero un 1,3 por cento máis de incidencias xestionadas que no pasado exercicio (233.114).

Para a atención das incidencias xeradas, foi necesaria a activación dos equipos de intervención en 437.160 ocasións en 2020. En detalle, observamos que as mobilizacións dos corpos e forzas de seguridade (Garda Civil, Garda Civil de Tráfico, Policía Autonómica, Policía Nacional e Policías Locais) supoñen o 36,5 por cento do total. Tamén destacan as intervencións dos voluntarios de Protección Civil (11 por cento), seguidas das dos bombeiros comarcais e municipais e dos Grupos Supramunicipais de Emerxencias (GES), que representan o 7 e o 5 por cento do total; e os servizos municipais de Protección Civil, que son o 2,7 por cento do resultado final das activacións de recursos.

Menos mobilidade, menos accidentes en estradas, laborais e ferroviarios

En canto ao tipo das incidencias xestionadas, obsérvase como a redución da mobilidade das persoas supuxo un descenso dos accidentes en estradas, laborais e ferroviarios, así como dos avisos por incidencias na circulación, tales como a presenza de obstáculos ou derrames. Así, mentres en 2020 contabilizáronse 17.566 accidentes e 22.681 incidencias na circulación, 2019 pechou con 22.784 accidentes e 30.513 avisos por obstáculos nas vías.

Tamén houbo un descenso con respecto ás solicitudes de intervención dos organismos competentes da recollida e tratamento de animais (28.697 fronte a 31.589 en 2019) e aos incendios urbanos e industriais, que pasaron de 9.384 en 2020 a 9.646 en 2019.
Sobre as incidencias relacionadas coa seguridade cidadá e o requirimento das forzas da orde, comprobouse un pequeno descenso, pero igualmente un número alto de intervencións, pois contáronse 32.306 en 2020, unhas 500 menos que en 2019 (32.850).

Accidentes domésticos e caídas en vía pública

Igualmente, Santiago Villanueva indicou que existe un tipo de incidencias que sobresae por riba dos demais, que son as chamadas por necesidades de índole sanitaria. Este tipo de comunicacións creceron un 20 por cento en comparación co ano anterior, isto é, 85.958 incidencias en 2020 fronte ás 69.479 de 2019.

Sen embargo, é necesario aclarar que, neste grupo, recóllense non só solicitudes de consulta ou atención sanitaria por diferentes doenzas máis alá da COVID-19, senón tamén calquera situación na que sexa necesaria a intervención exclusiva dos profesionais deste sector. Así, en 2020 producíronse moitas chamadas por accidentes domésticos, en leiras e espazos privados ou caídas na vía pública, que están incluídas na tipoloxía de atención sanitaria e nas que só se precisou a atención médica.

Finalmente, a clasificación por provincias presenta poucas diferencias, pois seguen a ser as atlánticas (A Coruña e Pontevedra) onde se produce o groso das intervencións (91.727 e 85.983, respectivamente) fronte a Ourense e Lugo, que suman 29.695 e 26.466 incidencias.