Miguel Ángel Fernández dá os primeiros puntos ao Vigo-Rías Baixas na Copa de España 2021

Prometedor inicio de Miguel Ángel Fernández na Copa de España 2021. O corredor cántabro do Vigo-Rías Baixas xogou a gañar este domingo na Aiztondo Klasikoa e mantivo intactas as súas opcións ata os últimos quilómetros da clásica guipuscoana. Décimo cuarto finalmente na meta de Zizurkil, o santanderino outorgou ao conxunto flúor os seus primeiros puntos nesta edición do certame estatal.

Foi unha xornada de puro ciclismo vasco. Estradas estreitas e sinuosas, choiva, frío e un carrusel interminable de subidas no 146 km con inicio en Asteasu. En total, os corredores tiveron que afrontar once cotas puntuables e tras superar a primeira delas moveuse Jon Tena. O ciclista de Urretxu deu presenza ao Vigo-Rías Baixas nunha escapada de oito corredores, da que se descolgou antes dun dos fuxidos, Miquel Valls (Telco’m), se marchase en solitario e se convertera no gran protagonista do día.

Mentres o home que rodaba na cabeza de carreira facía camiño, o pelotón íase seleccionando co transcorrer dos “muros” puntuables e entre os compoñentes do grupo principal mantíñanse tres representantes da formación olívica: Fernández, Pelayo Mosteiro e Asier González. Escoltado polos seus compañeiros, o cántabro pasou ao ataque a falta de 40 km.

Fernández participou nun movemento xunto a outros candidatos ao triunfo. Acompañado por Pablo García (Caja Rural) e Pablo Alonso (Froiz) deu caza a Francisco Agea (Gomur), que facía de ponte con Valls.

Aínda quedaban catro portos e desde atrás reaccionaron outros “galos”. Un deles foi Marc Brustrenga (Caja Rural), que nas dúas últimas ascensións impuxo o seu excelente estado de forma e venceu en solitario despois de adiantar a Valls no último paso polo alto de Aduna, que se coroaba a 4 km da chegada.

A 2:23 do gañador concluíu Fernández, formando parte dun grupo no que se xogou a última praza do Top-10. Pola súa banda, González (42º) e Monasterio (44º) terminaron a 6:22. A Copa de España regresará o 11 de abril, de novo no País Vasco, coa disputa do prestixioso Memorial Valenciaga, que festexará as súas vodas de ouro.

Prades

O Vigo-Rías Baixas tamén competiu esta fin de semana na localidade catalá de Sabadell. A súa fichaxe estrela para esta tempada, o tarraconense Benjamí Prades, debutou o sábado coa camisola do seu novo equipo logrando a sexta posición no Trofeu Joan Escolá.