Sin categoría

Podemos Baiona propón mellorar as condicións laborais das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar

O Círculo de Podemos Baiona vén de presentar unha moción na que solicitan mellorar as condicións laborais das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). “A pandemia amosou o valor fundamental dos traballos dos coidados e a necesidade de ter un sistema público de coidados de calidade, pero non imos ter un sistema de coidados forte mentres non eliminemos a precariedade laboral das persoas que fan esas labores de coidados”, sinalan.

A moción de Podemos céntrase en aspectos como “a actualización dun convenio desfasado, cuxas condicións laborais non evolucionaron apenas con respecto ao actual SMI, a invisibilidade dos traballos e o esquecemento das traballadoras por parte das administracións, o non recoñecemento das enfermidades profesionais, ou a pouca claridade sobre as labores que establece o servizo”.

“Non pode ser que o custe da man de obra que o Concello de Baiona paga á concesionaria Idades SL non repercuta en mellores condicións salariais e laborais das traballadoras, polo que lle pedimos ao Concello que inclúa criterios sociais nos próximos pregos e revise o cumprimento do actual convenio mentres este non sexa actualizado cunhas condicións acorde ao servizo”, conclúen desde Podemos.