Nigrán humanizará por completo a rúa Gaivota de Panxón cun investimento de 232.000 €

O Concello de Nigrán humanizará por completo a rúa Gaivota que descorre polo centro de Panxón para crear un espazo de mobilidade amable acorde cos principios da rede “Ágora” da Deputación de Pontevedra que, precisamente, subvenciona a execución deste tipo de obras. Deste xeito, o proxecto do goberno local calcula un investimento de 232.600 € a cargo do Remanente de Tesourería (restando a parte que finalmente resulte subvencionable) para dar un xiro radical na imaxe desta rúa chea de fochas, tramos sen aglomerado e infinidade de tendido aéreo. O obxectivo é crear un núcleo urbano cunha estética homoxénea e coidada, xa que pasada a tempada estival a zona de tráfico rodado do paseo marítimo (paralelo a Gaivota, a escasos metros) tamén será acondicionado con empedrado (os traballos posporanse ao verán para non interferir con ese momento de gran afluencia de visitantes).

“Trátase dunha rúa que discorre polas antigas casas dos mariñeiros, no núcleo de Panxón, e que se atopa nun estado calamitoso, polo que queremos humanizala por completo cunha nova imaxe moi coidada e acorde á contorna na que se atopa”, explica o alcalde, Juan González.

Así, o proxecto contempla o troco do pavimento de aglomerado asfáltico por empedrado, diferenciándose visualmente en cada lado a zona peonil da de tránsito de vehículos e mantendo un ancho de calzada fixo de 2,5 metros. Ademais, renovarase por completo a rede de saneamento e abastecemento e trocarase o alumeado mediante tecnoloxía LED en novos báculos e luminarias (actualmente a rede está baseada en puntos de luz ancorados en fachadas ou postes da rede aérea de electricidade, afeando moito a contorna a presenza de múltiple tendido aéreo). Grazas ao emprego de LEDs aumentará a eficiencia enerxética e o aforro grazas a súa longa vida e escaso mantemento. Finalmente, reporanse as sinais verticais e engadirase unha de “Rúa Pacificada” no punto de acceso do tráfico rodado.

“Esta rúa residencial dará, sen dúbida, un salto en calidade ao emprenderse unhas obras consecuentes coa súa singularidade e acordes coas que despois do verán se levarán precisamente no paseo de Panxón, a escasos metros”, resume o alcalde, Juan González. Así, o Concello iniciará despois da tempada estival o acondicionamento da zona de rodadura do paseo marítimo de Panxón tamén mediante empedrado e orzada en 122.300 € (incluída no Plan Concellos 2020). “É un tramo que se atopa nun estado calamitoso, provocando caídas continuas de peóns, polo que tras anos e anos realizando parches cómpre dar solución definitiva a este problema que existe practicamente desde a orixe do empedrado co conseguinte malestar veciñal; é ademais un dos principais escaparates de Nigrán e presenta unha imaxe negativa que ao fin se solucionará”, explica. A actuación comprende o levantamento das lousas dispostas (moitas delas rotas e descolocadas provocando non só as caídas de peóns, se non tamén ruído no tránsito de vehículos e dificultade na condución) repoñéndoas por empedrado de 15 cm de espesor (13x13x10 cm). Esta obra de mantemento e conservación de firme comeza no entronque do paseo marítimo coa rúa Mariñeiro e finaliza na Travesía Cidade de Vigo no encontro con Camiño do Regueiro.