Sin categoría

Baiona levanta o pano da Regata Cenor con vela, xogos e teatro

Baiona levanta mañá sábado o pano da Regata Cenor cun programa de vela e xogos para os máis de 100 novos regatistas que, chegados desde diferentes puntos de Galicia, participarán na última clasificatoria de Optimist previa ao campionato nacional da clase, unha competición patrocinada polo grupo de electrodomésticos e tecnoloxía Cenor.

Ademais das habituais probas deportivas, que darán comezo a partir da unha e media da tarde, a novidade desta competición será un programa especial de entretemento que o Concello de Baiona preparou, man a man co Museo Casa da Navegación e a Aula de Teatro de Baiona, para que os nenos poidan divertirse descubrindo Baiona.

Trátase dunha carreira de pistas dramatizada que levará aos máis pequenos polas principais atraccións turísticas da vila mariñeira. Un percorrido que, tendo como obxectivo resolver un enigma, permitiralles descubrir as reviravoltas do descubrimento, a figuras tan destacadas como Diego Carmona, Vasco Gallego, Isabel a Católica ou Pinzón; e lugares como a Igrexa de Santa María, o Monólito da Arribada, a fonte das monxas ou a carabela Pinta, entre outros.

Para evitar aglomeracións e poder manter as distancias COVID de seguridade, o xogo dará comezo ás seis da tarde aproveitando o peche obrigado da hostalería. Partirá do palco da música do Parque da Palma, onde unha actriz, simbolizando a Baiona, dará aos pequenos as primeiras pistas para empezar a xogar.

Divididos en equipos, os nenos deberán ir resolvendo diferentes enigmas que os levarán por algúns dos puntos máis destacados da vila mariñeira, onde haberá actores representando a algúns dos personaxes máis importantes da historia de Baiona. Serán eles os que, explicando diferentes episodios históricos, darán aos participantes as seguintes pistas para continuar co percorrido. O equipo gañador levará unha vela de optimist por cortesía da empresa Efectos Navales Jesús Betanzos.

“É a conxunción perfecta de deporte, turismo e diversión” di o director de deportes do Concello de Baiona, Javier F. López, quen agradece aos membros do o Museo Casa da Navegación e a Aula de Teatro de Baiona o que o fixeran posible. “Durante algo máis dunha hora, os nenos poderán descubrir a historia e as marabillas de Baiona mentres se divirten seguindo pistas e resolvendo enigmas” – continúa – “e isto só será o aperitivo do que prepararemos en Semana Santa para o Campionato de España de Optimist”.

A carreira de pistas dramatizada poñerase en marcha unha vez finalice o programa deportivo na auga, no que se inclúe a celebración de ata tres probas se a meteoroloxía permíteo. Nelas, máis de 100 novos regatistas dos clubs náuticos de Vigo, Coruña, Canido, Ribeira, Rodeira, Aguete, Oza, Sanxenxo, Panxón, Ferrol e Baiona pelexarán polos mellores resultados para ascender postos na clasificación galega. Os 20 primeiros deportistas desa listaxe autonómica serán seleccionados automaticamente para representar a Galicia no Campionato de España de Optimist.