A competición máis prestixiosa do calendario estatal Elite-Sub23 ponse en marcha este domingo co Vigo-Rías Baixas como un dos seus equipos oficiais por sexta tempada consecutiva. A clásica guipuscoana de Aiztondo dá o bandeirazo de saída á Copa de España 2021, certame composto por once carreiras, entre elas a que organizará a estrutura presidida por José Luis Chamorro o próximo mes de maio.
Tras quedar ás portas do título a pasada campaña co uruguaio Mauricio Moreira, o conxunto flúor aspira a seguir deixando o seu selo na Copa. Os dirixentes do club olívico buscaron confeccionar un persoal equilibrado e o seu director deportivo Marcos Serrano incluíu na aliñación para a Aiztondo Klasikoa-Memorial Patxi Alkorta a catro dos seus novos pupilos: Ander del Castaño, Miguel Ángel Fernández, Álvaro Carasa e Ángel Maneiro. O “sete” para esta xornada complétano Asier González, Jon Tena e Pelayo Monasterio.
A XVII edición desta proba con inicio na localidade de Asteasu e final en Zizurkil presenta un asfixiante percorrido de 146 quilómetros. Nun sinuoso trazado por estreitas estradas, os corredores terán que superar once cotas puntuables. Unha desas subidas, a de Aduna, realizarase en seis ocasións, coroándose por última vez a 4 km para a liña de meta.
O Vigo-Rías Baixas afronta esta cita co optimismo xerado polas boas sensacións que lle deixou a súa participación hai dúas semanas no Memorial Juan Manuel Santiesteban en Colindres (Cantabria). Ese test foi o único do cadro olívico en competición debido á suspensión doutras carreiras ás que tiña previsto acudir para afinar a posta a piques dos seus ciclistas. O calendario da Copa de España tamén sufriu alteracións. Fixado nun principio de febreiro a mediados maio, despois da súa última actualización disputarase desde este domingo ata o mes de xullo.
Open de España XCO
Por outra banda, á espera de que se active o calendario júnior de estrada, o equipo xuvenil do Vigo-Rías Baixas aposta polo BTT. Cinco corredores da escuadra que prepara Sergio Moldes non se perderán este domingo a apertura do Open de España Cofidis de Cros Country Olímpico (XCO). Ricardo Buba, Iván Fernández, Iker Otero, Andrés Valverde e Gonzalo Gallego tomarán a saída no Gran Premio Ciudad de Valladolid, evento de nivel internacional que se celebra no circuíto do Cerro de las Contiendas.

