Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsará durante 2021 un novo programa multidisciplinar para fomentar a conservación e sustentabilidade das actividades socioeconómicas desenvolvidas en catro das Zonas de Especial Protección para as Aves de ámbito mariño existentes en Galicia dentro da Rede Natura 2000. O Plan de Conservación Territorial On (PLANCTON) presentouse esta mañá na Sede Afundación de Vigo, nunha rolda de prensa na que estiveron presentes o director xerente de Afundación, Pedro Otero; a coordinadora xeral de Responsabilidade Social Corporativa e Institucional de Afundación, Pilar Alves; o presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, José Antonio Pérez Sieira; e o director de ABANCA Mar, Javier Fraga.
O programa PLANCTON desenvolverase nos espazos mariños das Rías Baixas, punta Candieira – ría de Ortigueira-Estaca de Bares, costa de Ferrolterra – Valdoviño e Costa da Morte, así como nas zonas de orixe da actividade pesqueira que incide sobre a poboación das aves mariñas. Fomentará a posta en práctica de diferentes medidas relacionadas coa conservación das especies, a minimización de capturas accidentais de aves durante o exercicio da pesca e a implementación de prácticas sostibles nas actividades socioeconómicas relacionadas co sector do mar nas Zonas de Especial Protección para as Aves de ámbito mariño (ZEPA).
Así mesmo, traballarase na redución da cantidade de residuos existentes no mar a través de diferentes xornadas de limpeza en fondos e costas nas que participarán activamente pescadoras, pescadores e persoas voluntarias. Todas as accións complementaranse, co obxectivo de espertar unha conciencia sostible na sociedade en xeral, con diversas actividades de sensibilización e formación sobre o valor intrínseco da biodiversidade e da súa conservación, ademais de con exposicións e outros labores de divulgación, para as cales se contará coa participación de distintos profesionais expertos nesta materia.
O proxecto, enmarcado dentro da estratexia de sustentabilidade de ABANCA e das actividades de voluntariado ambiental da súa Obra Social, preséntase como un gran eixo vertebrador de toda unha serie de axentes entre os que figuran entidades do sector pesqueiro, como as confrarías de pescadores e mariscadores, os grupos de Acción Local Pesqueira (GALP), ANMUPESCA, cooperativas de armadores e representantes do sector transformador, diferentes institucións do terceiro sector como Bata, Con Eles ou o Grupo Naturalista Hábitat, ademais do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a Federación Galega de Actividades Subacuáticas ou a Real Federación Galega de Vela, entre outras. Todos participarán no proxecto conxuntamente con ABANCA Mar e Sustentabilidade ABANCA e distintas áreas de Afundación, como IESIDE, o centro interactivo de educación ambiental, Naturnova ou os espazos +60.
PLANCTON é unha iniciativa que conta coa colaboración da Fundación Biodiversidad, do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo FEMP, e é complementaria ao proxecto LIFE-IP INTEMARES.

