Nigrán destinará medio millón de euros do remanente a paliar os efectos socioeconómicos do Covid-19

O goberno de Nigrán propoñerá no vindeiro pleno ordinario do 29 de marzo destinar medio millón de euros do seu remanente de Tesourería a paliar os efectos socioeconómicos do Covid-19 no municipio. Deste xeito, se no 2020 consignou 100.000 € deste apartado á adquisición de alimentos e 20.000 para EPIS, nesta ocasión serán 220.000 € para axudas aos establecementos hostaleiros mediante os dous plans de axudas municipais (o primeiro en fase de resolución e o segundo que se pretende levar ao pleno de marzo tamén), 150.000 € para engrosar a mercadoría do Banco de Alimentos Municipal e 60.000 € para a compra de EPIS. Estes cartos, froito do aforro dous últimos anos e de pechar o exercicio 2020 tamén en positivo, súmanse aos xa consignados no orzamento de 40.000 € para emerxencia social.

“En xullo destinamos 100.000 € do remanente a gastos de emerxencia social despois de que o goberno central permitise en marzo de 2020 que os concellos empregásemos o noso superávit, pasado un ano do inicio da pandemia os efectos socioeconómicos son devastadores, polo que nesta ocasión destinaremos 430.000 € a este fin específico”, explica Juan González, alcalde de Nigrán, quen xustifica a decisión “ante o aumento dos usuarios do Banco de Alimentos e a situación precaria de moitos hostaleiros. Con estas achegas o Concello garante cubrir as necesidades das persoas que o precisan de aquí a fin de ano. “Afortunadamente somos un Concello con aforros e sen ningún tipo de débeda, o que nos permite afrontar esta crise con recursos máis que suficientes, este é o momento idóneo para empregar o Remanente”, sinala.

“Este notable incremento de persoas vulnerables obrigou a revolucionar e darlle un xiro ao Banco de Alimentos Municipal ofrecendo compras completas e non só produtos non perecedoiros. Multiplicamos as compras e, afortunadamente, multiplicouse tamén a solidariedade ante a situación de necesidade de moitas familias que quedaron sen emprego ou sen poder continuar o seu negocio”, finaliza González.

Investimento en obras

Igualmente, o goberno local propoñerá consignar neste primeiro plan 1’4 millóns de euros do remanente a diversas obras que xa contan coas autorizacións pertinentes, agardando incorporar outras máis que están pendentes de informes sectoriais, como Otero Pedrayo, Camiño Vello ou rúa Mariñeiro. Así, entre os investimentos xa previstos figuran 373.878 € para construír unha cociña no CEIP Humberto Juanes que poida subministrar menús a todos os colexios públicos de Nigrán; 400.000 € para xerar o parque forestal de Camos e Chandebrito, primeiro da comarca; 259.000 € para rehabilitar integralmente o muíño de Porto do Molle; 250.000 para levar o abastecemento público a Camos e Nigrán (barrios de A Tarela, A Cruz e O Carballal); 200.000 para o saneamento en Rego do Forno (Patos) e Raña (Priegue); 49.000 € para mellorar a cafetería do espazo público Dunas de Gaifar; e, finalmente, 25.000 € para instalar placas fotovoltaicas no Pavillón Municipal e a Casa Consistorial.

“Trátase de consignar cartos do Remanente a proxectos que están xa realizados e pendentes unicamente de adxudicación, polo que obras como a cociña municipal do CEIP Humberto Juanes poderían comezar este verán para estar operativa desde o vindeiro curso”, resume o alcalde, quen destaca proxectos como “o primeiro parque forestal da comarca, que tras case dous anos pendentes dun informe da AXI xa está ao fin listo para iniciar o expediente de contratación. Todo isto é posible porque somos un Concello saneado economicamente, con posibilidade de investir os seus aforros na mellora da calidade de vida dos seus veciños sen deixar a ninguén atrás, iso é ‘Un Nigrán para todos”.

Pago facturas

Finalmente, o goberno local levará tamén a este pleno a incorporación ao Remanente do pago de 130.000 € en diferentes traballos realizados no ano 2020 e cuxas facturas foron presentadas no 2021.