Telefónica e Universidade de Vigo colaboran no desenvolvemento de redes 5G

Telefónica, en colaboración coa Universidade de Vigo, Optar, Minsait e GCTIO, desenvolveu dous casos de uso baseados nunha rede 5G autoxestionada co obxectivo de mostrar as posibilidades do network slicing 5G ao aplicalo á produción de vídeo e ao coche conectado.

En concreto, Telefónica apoiouse nunha rede 100% virtualizada para despregar dous servizos con necesidades moi diferentes. O primeiro caso é un servizo de streaming de vídeo en Ultra Alta Definición que require gran ancho de banda e alta fiabilidade. Para iso, o network slicing permite garantir as velocidades de transmisión e a calidade de rede adecuadas para os usuarios deste servizo de vídeo . O segundo caso é un servizo de condución remota dun coche teledirixido no que as baixas latencias e a estabilidade nas mesmas son requirimentos esenciais. Da mesma maneira, network slicing proporciona unha capa de rede virtualizada específica para esta tipoloxía de servizos que asegura latencias baixas e estables na conexión.

En ambos os dous casos de uso empregáronse técnicas de machine learning que analizan de forma constante a calidade do servizo e de experiencia de usuario, ademais de ter a capacidade de previr unha posible degradación do servizo e, en caso de producirse, tomar en tempo real as accións necesarias para reestablecer a calidade. Isto é posible mediante o cambio a slices de maior calidade de experiencia ou aumentando os recursos virtuais de rede asociadas ao servizo.

Tal e como sinalou Mercedes Fernández, xerente de Innovación de Telefónica España, “grazas a este proxecto avanzamos na definición das futuras redes 5G autoxestionadas cuxo obxectivo é garantir que os clientes sempre gocen dunha calidade de experiencia óptima cando accedan a servizos 5G. Para iso, a rede adáptase de maneira dinámica, automática e en tempo real (filosofía Zero Touch) ás diferentes capacidades demandadas polo cliente, ligadas ao concepto de network slicing”.

Telefónica liderou a proba de concepto de redes 5G autoxestionadas mentres que Optar implementou os casos de uso e as funcións de calidade en rede; a Universidade de Vigo despregou, xunto ao equipo de Optar, os recursos da rede virtualizada, e Minsait, unha compañía de Indra, xunto coa Universidade de Vigo, traballaron na configuración da devandita contorna de virtualización.

Este é un fito máis nos traballos de Telefónica para desenvolver tanto o aspecto técnico como os casos de uso 5G e en concreto o network slicing. Neste sentido, hai un mes, Telefónica, xunto con Cisco e a Universidade de Vigo, realizou unha proba piloto de Network Slicing 5G co obxectivo de demostrar como as redes flexibles 5G permiten dedicar capacidades específicas a diferentes servizos e clientes. En concreto, este proxecto implementou un demostrador sobre infraestrutura de laboratorio en dependencias da Universidade de Vigo no que se despregaron tres slices para ofrecer servizos diferenciados: baixa latencia, alto ancho de banda e emerxencias.