Nigrán renovará a tubaxe de impulsión en Torrente Ballester para impedir verteduras á Foz

O goberno de Nigrán aprobou onte o proxecto de obra por valor de 108.150 € para instalar unha nova tubaxe de impulsión no tramo de Torrente Ballester, na Ramallosa, resolvendo así calquera posible problema de verteduras á Foz do Miñor en caso de roturas. O prazo de execución previsto é de 2 meses e comezará nas vindeiras semanas. Anteriormente, Aqualia substituirá 580 metros de tubaxe mediante o sistema de encamisado (evita abrir gabias) na Xunqueira á altura de A Golada, cun investimento de 143.000 € e completándose así toda a Avenida de Portugal.

Segundo o propio proxecto recolle, a tubaxe de impulsión discorre paralela ao colector de saneamento da rúa Torrente Ballester e está obsoleta tras superar ampliamente a súa vida útil, polo que ten que ser reparada constantemente ante as roturas habituais ao ser unha estrada que soporta bastante tráfico. A nova proposta consiste na súa substitución íntegra por unha tubaxe de polietileno de 250 mm de diámetro e 1 qm de lonxitude (desde a Alameda ata Lourido). Para elo, o tramo de pedra da Alameda de San Campio e o chanzo da cafetería da Terceira Idade será reposto coas mesmas pezas para evitar calquera impacto estético, mentres que no cruce do carril bici e no propio aglomerado da rúa substituirase por materiais idénticos (boa parte discorrerá pola terra das zonas axardinadas, polo que non terá impacto na estrada).

“Ante o risco medioambiental constante que supón unha tubaxe nestas condicións propensas a rachar optamos por substituíla ao 100%, polo que unido a actuacións complementarias na zona que realizamos os pasados anos, podemos dicir que Nigrán resolverá calquera posible problema de verteduras puntuais á Foz ao ter toda a infraestrutura renovada”, explica o alcalde, Juan González, sobre este espazo integrado na Rede Natura 2000.

Este investimento de Aqualia súmase aos preto de 80.000 euros no ano 2016 na contorna da Alameda de San Campio, onde se arranxou o cruce de Torrente Ballester con Manuel Lemos cun novidoso sistema de “encamisado” que evita abrir gabias (consiste en instalar manguitos de fibra de vidro chamados packers e mediante a inxección de aire a alta presión, se infla e comprime contra as paredes do colector; unha vez seco se desinfla e extrae, quedando xa selado). Esta actuación integral demandada desde o Concello incluíu a impermeabilización do pozo de bombeo xeral situado na Alameda, que presentaba filtracións nas paredes laterais e no fondo (nese mesmo ano realizouse a conexión á rede de saneamento do centro da terceira idade, que sorprendentemente vertía directamente ao río dende a súa creación). Xa máis recentemente, substituíronse todos os colectores do tramo da Avenida de Portugal, polo que todo o trazo do esteiro de A Foz de Nigrán será novo.

“Temos un compromiso claro de mellora e protección do medio ambiente, por iso dende o Concello e Aqualia levamos a cabo un control absoluto da rede de saneamento. O obxectivo é acabar con todos as verteduras coa maior urxencia. Na contaminación da Foz do Miñor están implicados os tres concellos da comarca e Nigrán está facendo tódolos deberes”, sinala o alcalde.