Vithas Vigo implanta o primeiro “mitraclip” da sanidade privada galega

O equipo de cardioloxía do Instituto Cardiovascular do Hospital Vithas Vigo colocou o primeiro “mitraclip” da sanidade privada galega. Este dispositivo, de 6 milímetros de diámetro pechado, permite reparar as fugas de sangue do ventrículo esquerdo á aurícula esquerda que se producen en cada latexado debido a un fallo na válvula mitral. O implantado a semana pasada nun paciente de 63 anos no Hospital Vithas Vigo é o primeiro que se coloca nun hospital privado galego.

A válvula mitral separa a aurícula esquerda do ventrículo esquerdo, facilita que o sangue pase da aurícula ao ventrículo, e normalmente impide que o sangue regrese á aurícula cando o ventrículo contráese e bombea o sangue cara ás arterias que levan o sangue aos diferentes órganos do corpo. Cando a válvula altérase, prodúcese unha incompetencia dos seus veos valvulares que se chama insuficiencia mitral, e que provoca esa fuga de sangue cara á aurícula esquerda, ocasionando nos pacientes un importante esgotamento, falta de aire, ademais de aumentar o risco de padecer episodios cardíacos graves.

A intervención realizada a pasada semana, que durou pouco máis dunha hora, foi satisfactoria. Nela participaron médicos cardiólogos expertos en intervencionismo cardiovascular, cardiólogo experto en imaxe cardíaca, e anestesista, ademais de persoal de enfermería e auxiliares.

Aberto nun ángulo de 120 graos

Os cardiólogos introduciron o clip pola vea femoral dereita do paciente, baixo anestesia total para evitar movementos involuntarios, ata chegar ás cavidades esquerdas de corazón. Unha vez na zona da válvula mitral, coa axuda da radioloxía intervencionista e da ecocardiografía transesofágica e comprobación de que angulación é máis idónea para colocar o clip, e unha vez dentro do ventrículo esquerdo, o dispositivo ábrese para capturar os veos valvulares da válvula mitral danada. Unha vez capturados, o cardiólogo pecha o dispositivo, que aberto nun ángulo de ata 120 graos alcanza unha envergadura de 22 milímetros, e queda definitivamente fixado, permitindo o correcto peche da válvula mitral e evitando as fugas que previamente existían.

A intervención realizada a pasada semana no Hospital Vithas Vigo polos especialistas do seu Instituto Cardiovascular que coordina o Dr. Andrés Íñiguez Romo, resultou exitosa, e o paciente recibiu o alta 36 horas despois da intervención. Actualmente recupérase satisfactoriamente no seu domicilio.

Este tipo de dispositivos, e a abordaxe minimamente invasiva, supón unha recuperación moito máis rápida do paciente, que xa nota a melloría desde o primeiro momento, e unha menor morbi-mortalidade en comparación coa cirurxía convencional aberta con circulación extracorpórea.

A implantación deste dispositivo, o primeiro que se coloca na sanidade privada galega, é un fito máis do Instituto Cardiovascular do Hospital Vithas Vigo que, no seu día, foi o primeiro centro do sur de Galicia en realizar unha intervención con circulación extracorpórea; ou o primeiro estudo de hemodinámica da comunidade. De feito, Vithas Vigo é o único hospital privado que presta asistencia cardiovascular as 24 horas do día.